8 de novembro de 2017

Club de lectura ÁGORA - Novembro

       O martes, 28 de novembro, celebraremos a segunda reunión dos clubs de lectura ÁGORA.
Coma a vez anterior, xuntarémonos na Biblioteca do centro ás 15:15.
      O alumnado de primero e segundo, coordinado pola profesora Anabel, comentará o libro de Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno.
      Despois dunha longa estadía en Quebec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.

 
   


      As rapazas e rapaces de 4º e de 1º de Bacharelato, acompañados pola súa profesora Lourdes, farán o mesmo, pero co libro de Eli Ríos, Luns.

     Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día. " Luns " , gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.
Contamos con vós!

6 de novembro de 2017

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MANIFESTO DE ÁNGEL CARRACEDO


Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.
Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.
Texto do científico Ángel Carracedo con motivo da celebración do Mes da Ciencia

1 de novembro de 2017

Benvido novembro!

O equipo da Biblioteca xa case ten todo preparado para disfrutar das actividades deste mes.

Biblionamorad@s unirase  á celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS; o alumnado visionará, grazas a Cinerágora filmes de temática científica, asistirá a charlas de dous divulgadores do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), poderá achegarse á mesa con libros e revistas de temática científica, instalada na entrada do centro  e presidida polo esquelete prestado polo  Departamento de Bioloxía, e moitas actividades máis, segundo vaian xurdindo!

Por suposto, a Biblioteca participará en coordinación co Equipo de Normalización Lingüística do centro, na celebración do Día Internacional Contra a Violencia de xénero.

 De feito, o club de lectura dos maiores deste mes, tendo en conta a importancia da reivindicación desta data, escolleu como lectura o libro de Eli Ríos, Luns, novela gañadora do primeiro Premio Torrente Ballester convocado só para obras en galego, na que a autora presenta á protagonista dende unha perspectiva de xénero innovadora e, como xa lin no Twitter de biblionamorad2s, "sorprendente. Final desconcertante". Ademais, temos a sorte de poder contar con ela o 21 de novembro! Virá a comentar a súa obra co alumnado de 1º de Bacharelato e cos participantes no club de lectura.

Que vos parece?

Benvido novembro!!!!

25 de outubro de 2017

Clubs de lectura - Outubro

Aquí vos deixamos unhas fotos dos clubs de lectura Ágora.
Pasámolo moi ben!
Vémonos en novembro con máis lecturas!!



Orgullos@s do noso alumnado!!!

Moitísimas felicidades!!!
Dende a Biblioteca, ágora aberta a nosa comunidade educativa, queremos felicitar ao noso alumnado de Bacharelato polo traballo ben feito e recoñecido no OUFF (Festival de cine internacional de Ourense).


22 OUFF | VERBA | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.

24 de outubro de 2017

Feliz día das Bibliotecas!

Feliz día das Bibliotecas!!!!


Convidámosvos a disfrutar deste vídeo das Bibliotecas máis fermosas da Terra.😉📚📚📚



19 de outubro de 2017

O PROXECTO ÁGORA: UN ESPAZO DE RESISTENCIA COA FILOSOFÍA

Onte mércores, 18 de outubro, a nosa benquerida María Vilas e Jorge Cendón, estudantes de filosofía, viñeron á nosa biblioteca para presentar LAZARUS, unha revista de Filosofía e Arte confeccionada polo alumnado da súa facultade. A verdade é que este encontro con Vilas e Cendón resultou moi interesante, porque nel saiu a colación algo ben importante: a construción dun pensamento libre, propio, que xorde sempre do autocoñecemento. María Vilas incidiu na idea de que a filosofía aparece no momento no que unha persoa, independentemente do seu nivel cultural, comeza a facerse preguntas sobre aquilo que a arrodea, porque decide non aceptalo sen máis. Insistiu por tanto tamén na recuperación do feito de filosofar como algo que todas e todos podemos facer. Non só cando cuestionamos os nosos sistema de crenzas, mais tamén cando actuamos. Así, para ela, viaxar é tamén filosofía, do mesmo xeito en que o é falar de arte, de cinema ou de teatro. A filosofía, engadiu Jorge Cendón está en todo. Tamén na xestión das emocións.

Nesta conversa, pareceunos moi atinado o que apuntou o novo profe de Filosofía, Álvaro, que puxo enriba da mesa algo ben interesante. Referímonos á idea que latexaba polo baixo da charla e da propia revista LÁZARUS: a necesidade de crear ESPAZOS DE RESISTENCIA, porque neles poden facer oír a súa voz, para manifestaren opinións, ideas ou, moi importante, elaborar proxectos en común.

Álvaro, o profe de Filosofía, a falar dos ESPAZOS DE RESISTENCIA.


María Vilas e Jorge Cendón presntando LÁZARUS.

O alumnado de 1º de BACHARELATO durante a charla.

CINERÁGORA VISITA A SALA NUMAX












Eis o alumnado do  Macías que asistiu á sala de cinema NUMAX, para ver PHANTOM  BOY. 


Laura e Iago durante a viaxe a Compostela.




Velaquí Alejandro e José botando unhas risas no bus, de camiño a Numax



Candela, Paula, Araceli, Catuxa, Nerea e Carmen, ademais de Iago, Iria, Alejandro, Hugo Lucas e Aarón nas primeiras filas. Detrás vemos a Aldara Hernaiz en plena conversa... Quedaban apenas uns minutos para a proxección de PHANTOM  BOY. Que ben o pasamos!!




18 de outubro de 2017

Reunión dos clubs de lectura ÁGORA

O próximo martes, 24 de outubro, celebraremos a primeira reunión dos clubs de lectura ÁGORA.
Xuntarémonos na Biblioteca do centro ás 15:15.
O alumnado de primero e segundo, coordinado pola profesora Anabel, comentará o libro de Agustín Fernández Paz, Rapazas.


 ¿Que estraña misión trae un extraterrestre deica o noso planeta? ¿Que sucede cando se mantén unha estarrecedora relación cun fantasma? ¿Que segredo garda unha misteriosa pedra atopada na area dunha praia? Estas son algunhas das preguntas que fixeron nacer os relatos deste libro de Agustín Fernández Paz. Rapazas, un dos clásicos da nosa literatura para adolescentes, recolle seis historias moi diversas, pero cun fío común: todas elas teñen unha rapaza como protagonista. Deste xeito, as páxinas de Rapazas achégannos un retrato plural desa etapa fronteiriza chamada adolescencia. A nova edición de Rapazas dentro da colección Fóra de Xogo foi totalmente revisada polo autor, que reescribiu cada un dos contos publicados por Xerais en 1993.

As rapazas e rapaces de 4º e de 1º de Bacharelato, acompañados pola súa profesora Lourdes, farán o mesmo, pero co libro de Marjane Satrapi, Persépole.

Marjane Satrapi, unha das artistas iranís máis aclamadas, galardoada con varios premios entre os que destacan o Premio ao Autor Revelación 2001 e Mellor Guión 2002 no Festival Internacional de Cómic de Angoulême, ofrécenos un relato autobiográfico sobre a súa infancia en Irán, que é a súa vez un excelente testemuño histórico dun pobo e unha época. Grazas á súa gran carga emotiva, crítica e irónica, Persépole converteuse nun cómic de referencia.


Contamos con vós!

10 de outubro de 2017

CINERÁGORA CON NUMAX NA ESCOLA





Mañán mércores 11 de outubro, o alumnado de 4º  ESO e 1º BAC, que forma parte do Cineclub CINERÁGORA, acudirá á Sala NUMAX para ver o filme de animación PHANTOM BOY, dos directores Alain Gagnol e Jean-Loup Felicioli, que forma parte do programa NUMAX NA ESCOLA.
Temos moita ilusión nesta experiencia, que, continuaremos ao longo do curso, pois iremos dúas veces máis a NUMAX.


O noso CINERÁGORA está a ter unha grande acollida, pois xa contamos con case corenta rapazas e rapaces, que acoden cada quince días para ver un filme. Polo de agora vimos dous, "Branca de Neve e a lenda do cazador" e "Maléfica" e houbo un debate ben interesante.















A aceptación é tal que xa queren repetir  o luns da semana que vén. Que veremos??? Un episodio de BLACK MIRROR. Cal?

SORPRESA!

4 de outubro de 2017

Clubs de lectura ÁGORA

Este curso botamos andar con dous clubs de lectura no IES Macías o Namorado; un para o primeiro ciclo, coordinado por Anabel, e outro para 4º e 1º de Bach. da man de Lourdes.
As lecturas para o mes de outubro son:
Persépole de Marjane Satrapi e Rapazas de Agustín Fernández Paz.





O noso primeiro encontro será o martes 24 de outubro na Biblioteca.
Animádevos a participar! A nosa ágora está aberta para tod@s!!!

Novo curso, novo proxecto: ÁGORA

     

Comezamos curso che@s de proxectos e ilusións.

O novo equipo da biblioteca do IES Macías o Namorado xa leva máis dun mes preparando todo para un novo curso; o equipo cambia, pero as ilusións e as ganas seguen as mesmas. Agradecemos o traballo de Maruxa, Mar e Esperanza, e recollemos o seu legado, Anabel, Rosa e Lourdes; esperamos estar á altura.

As nosas cabezas bulen con ideas, proxectos, actividades, colaboracións..., desexamos poder ir pouco a pouco dándolle forma e implicando a toda a Comunidade educativa do noso centro.

Este ano xa temos en marcha dous clubs de lectura, un cineblub, CINERÁGORA, concertadas varias visitas de escritoras, roteiros literarios, saídas culturais..., e estamos abertas a todo o que vaia xurdindo.


Crearemos unha conta en twiter, para que as nosas actividades, que sempre foron numerosas e exitosas, teñan unha maior proxección e unha canle de comunicación nas redes.

Celebraremos eventos sociais e literarios en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística, cos distintos Departamentos didácticos e  co Concello de Padrón, mais, sobre todo, mercaremos libros e levaremos a cabo actividades dinamizadoras para introducir a tod@s no apaixoante mundo dos libros.

Contamos con vós!!!

Moitas grazas e felices lecturas!

24 de maio de 2017

Letras 2017. Celebrando a Casares



http://aprofa.gal/wp-content/uploads/2017/05/20170513-Infograf%C3%ADa-Carlos-Casares-biograf%C3%ADa-cor.png 
Para celebrar o Día das Letras Galegas 2017 a biblioteca levou a cabo unha lectura dramatizada do conto de Carlos Casares O Xogo da Guerra , incluído na súa obra Vento Ferido.

Na páxina da Fundación Carlos Casares atoparedes información sobre o autor a a súa obra.
Tamén podedes disfrutar aquí dos distintos materiais didácticos elaborados por centros de ensino de toda Galicia centrados na figura de Casares.



27 de abril de 2017

Día do Libro 2017


O premio Cervantes 2016 foi concedido ao escritor Eduardo Mendoza  por inaugurar en 1975 unha "nova etapa na narrativa española" devolvendo ao lector "o goce polo relato", segundo destacou o xurado. Foi ese ano cando Mendoza iniciou a súa carreira literaria con "La verdad sobre el caso Savolta", obra que cambiou o xeito de escribir e ler novela en España.
Desde entón  suma quince novelas, dous libros de relatos, dúas obras de teatro e catro ensaios. Entre as súas novelas, títulos como "Sin noticias de Gurb", "La ciudad de los prodigios" ou "El misterio de la cripta embrujada" non se poden perder.

O pasado 23 de Abril, Mendoza recolleu o premio que agradeceu cun discurso cheo de humor e referencias ao Quixote. Aquí  podes ver este emotivo momento.







20 de decembro de 2016

Mercado de Nadal


Como  xa ven sendo tradicional , a biblioteca organizou de novo este Nadal un mercadiño solidario de libros durante o mes de decembro que tivo unha gran afluencia . A comunidade educativa aportou libros para tódolos gustos, cos que agasallar nestas festas.




A recadación obtida foi destinada a CARITAS de Padrón.




12 de decembro de 2016

Saída ao cine


 O noso alumnado de 3º de ESO disfrutou dunha saída ao cine para ver a película de J.A. Bayona Un monstruo viene a verme, baseado no libro do mesmo título de Patrick Ness, autor tamén do guión da película. 
Os máis interesados tedes toda a información sobre o libro e  a película na páxina web do autor.





1 de decembro de 2016

VISITA DE LEDICIA COSTAS

O luns 28 de novembro tivemos o pracer de contar na nosa biblioteca coa visita de Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil coa súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta, da que veu falar co alumnado de 1º da ESO e do Club de Lectura de Primeiro Ciclo.


Con esta obra quixemos achegarnos ao mundo do Alén, dos non vivos, dos seres que nunca marchan no imaxinario colectivo dos galegos e galegas, que non os deixamos ir e queremos que formen parte das nosas vidas. Xusto no remate deste mes de Santos, despedimos o Samaín e as historias de medo da man destas personaxes que tanto nos fixeron disfrutar. 
Grazas, Ledicia pola túa visita, unha vez máis . A túa presenza foi un auténtico agasallo para todos nos.



I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Xa temos gañadora!!!



Despois de reunido o xurado do I CONCURSO DE TUITS contra a Violencia de Xénero, resultou gañadora do mesmo ALICIA REY VIGO, alumna de  4º de ESO...
 
Aquí o tendes:

 
 A intelixencia erradica, o maltrato arraiga. Se intelixente!

22 de novembro de 2016

TERRITORIO DAS ARTES: A Arte de Grecia e Roma


Dentro da campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017  Biblioteca Escolar "Territorio das Artes", comezamos a aproximación á Historia das artes pola cultura grecolatina, a través dunha exposición realizada coa colaboración do alumnado de Cultura Clásica.
Todos os grupos da ESO pasaron a coñecer a exposición, nunha visita guiada a cargo dos seus compañeiros de Cultura Clásica




31 de outubro de 2016

I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Resultado de imagen de twitter

I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
IES Macías o Namorado

Con motivo do 25 de novembro, día Internacional contra a Violencia de Xénero, o IES Macías o Namorado convoca o I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2016. Buscamos mensaxes, lemas ou expresións de repulsa contra a violencia de xénero que se realicen a través da rede social twitter.

BASES DE PARTICIPACIÓN


1. Poderán participar no concurso todos os membros da comunidade educativa que o desexen. Cada participante poderá enviar un máximo de tres tuits.

2. Os tuits que participen no concurso deberán incluir o hastag #MaciasSenViolencia.

3. As persoas que presenten os seus tuits serán responsables da orixinalidade e a autoría dos mesmos.

4.   A DATA Límite de presentación de tuits será o 21 de novembro do 2016.

5.  Un xurado será o encargado de avaliar os tuits presentados. Procurarase que haxa unha presenza equilibrada de homes e mulleres no xurado.

6. Os criterios de avaliación serán :  contido e tratamento do tema (4 puntos), orixinalidade (3 puntos) e capacidade de impacto (3 puntos).

7. O agasallo consistirá nunha tarxeta por valor de 20 €  canxeable nos cines Cinesa.

8. A presentación de tuits ao presente concurso supón a aceptación plena das bases.

28 de outubro de 2016

COÑECE A TÚA BIBLIOTECA 2016


O pasado luns 24 de outubro celebrouse o Día Internacional da Biblioteca Escolar. 

En Galicia, a campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017 lembra que a Biblioteca Escolar é "territorio das Artes", un espazo no que aproximarse á produción artística do noso país e de todas as culturas, a través dos libros, dos vídeos, dos mil sitios aos que internet nos permite acceder... pero é tamén un espazo no que vivir a música, a pintura, as artes visuais (fotografía, cómic, cine), a escultura, a danza, o teatro e, moi especialmente, a literatura en todos os seus xéneros e temáticas; e vivir é experimentar e compartir, pero tamén expresarse e comunicar a través das distintas opcións artísticas.
 Como todos os anos o alumnado de 1º de ESO baixou a coñecer en detalle o funcionamento da súa biblioteca mediante un xogo de busca ao que chamamos"Coñece a túa biblioteca", que realizaron con entusiasmo.Noraboa e grazas a tod@s!!






22 de setembro de 2016

Comezamos un novo curso


Benvidos e benvidas ao curso 2016-2017. A biblioteca continúa  a súa andaina con novos proxectos  e co desexo de que o voso achegamento a este blog sexa unha experiencia gratificante e enriquecedora.

Continuaremos co club de lectura "Liñas de fuga" destinado ao alumnado de 1º e 2º da ESO e ao de 3º e 4º. Como o ano anterior, dividiremos o club en dúas liñas. A primeira terá como coordinadora a Esperanza Váquez e a segunda a Maruxa Guitián.

Para darvos a benvida aquí vos deixamos esta canción de Bob Dylan, flamante e sorprendente gañador do premio Nobel de Literatura.