7 de febreiro de 2013

Tamén hai boas historias (Actividade en proceso)

Porque  non todo van ser desgracias, corrupción ou desemprego, porque a vida tamén se nutre de pequenas cousas que nos fan sorrir, porque somos un pobo optimista que non se achanta, porque saímos á rúa aínda que chova e porque preferimos gañar con verbas antes que con armas... Por iso estamos a preparar unha actividade na que todos seremos protagonistas, na que ti e a túa historia feliz seredes quen de contaxiar os demais un chisquiño de ledicia que lles faga esquecer , aínda que só sexa por un intre, o desacougo.

Cando a actividade estea rematada, poderás vela tamén aquí. Alá vai un adianto:
O importante nesta vida e ter os pés quentes e patacas no faiado    

31 de xaneiro de 2013

Digo Viet Nam e basta, de Celso Emilio Ferreiro

Desde a Biblioteca queremos poñer un graíño contra a guerra, contra a violencia e o odio poñendo de manifesto algúns dos lugares que hoxe están inmersos nun conflito bélico.
Podedes ver a exposición na entrada do instituto do traballo feito polo alumnado de 3ºC .
Este é o poema de Celso Emilio que tomaron como punto de partida.




 








DIGO VIET NAM E BASTA
Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca.
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam i está xa dito todo
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta. 


E tamén 
Digo Palestina e basta
Digo Sahara e basta
Digo Tíbet e basta
Digo Mali e basta
Digo Chile (etnia Mapuche) e basta
Digo Paquistán e basta
Digo Siria e basta
Digo...
Digo Guerra e digo BASTA on PhotoPeach

17 de xaneiro de 2013

Visita á Cidade da Cultura

O pasado 20 de decembro, o Club de Lectura visitou a Cidade da Cultura na que asistiu non so ao percorrido polas instalacións, senon tamén a dúas exposicións: Gallaecia Petrea e Códices
Cinco alumnas de 1º de bacharelato fixeron un traballo sobre o que viron, que se resume nun folleto que poderedes atopar xunto coa reportaxe fotográfica que faremos no instituto proximamente. Isto que aquí tedes é obra de Ángela Precedo, Andrea Forján, Isabel Antelo, Xiana Rodríguez e Yanina Iglesias.

10 de xaneiro de 2013

Reunión do club de lectura

O día 23 reunirémonos na biblioteca cos alumnos de 3º e 4º de ESO. Lembrade que o libro que trataremos é O club da calceta, de María Reimóndez.
Esta escritora , xunto  con outros, é membro da ONG Implicadas/os no desenvolvemento, e isto é o que din:
Implicadas/os no Desenvolvemento é unha ONG galega que leva dez anos cambiando o mundo dende Galicia. Na filosofía Implicadas defende:

- Que a cooperación ao desenvolvemento comeza cambiando as estruturas de explotación entre o Norte e o Sur e entre homes e mulleres.

- Que o cambio ten que acontecer dende Galicia abrindo vías para que a cidadanía poida participar na presión mundial para o cambio.

- Que non se pode falar de desenvolvemento cando o 50% da poboación vive en situación de discriminación e por iso traballamos para superar primeiro a discriminación que padecemos as mulleres.

Que ocurriu este ano que rematou?

Se tes interese en sabelo, preme na fotografía e verás o que o periódico El País selecionou.




18 de decembro de 2012

BO NADAL A TODOS E TODAS

Xa están aquí as merecidas vacacións de Nadal despois de exames, exames e máis exames. Collede aire e relaxádevos na compaña dun libro. Desde a biblioteca queremos desexarvos un feliz Nadal e o mellor para o 2013 e, como non, dentro de o mellor non poden faltar os libros.  Aquí vos deixamos as nosas recomendacións.


                         

E aquí  as fotos do noso Mercado de Nadal. Todo un éxito!. Grazas a tod@s  pola vosa participación.

                           

13 de decembro de 2012

Un pouco de humor tecnolóxico


Celso Emilio, cen anos despois

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) propuxo facer un recitado de poemas de Celso Emilio Ferreiro para  renderlle un homenaxe no centenario do seu nacemento.Se queredes sumarvos a esta iniciativa, aquí tedes os seus Poemarios .
Se entrades na páxina da Coordinadora, poderedes ver o que fixeron outros institutos.

29 de novembro de 2012

Premio Cervantes a José Manuel Caballero Bonald

O premio Cervantes 2012 ven de ser concedido ó escritor Caballero Bonald como recoñecemento á súa obra literaria como narrador, ensaísta e poeta. Todos os medios de comunicación fanse eco hoxe deste premio ó escritor xerezano que dixo ter en Cervantes o seu mestre.
Entra na páxina da súa obra e accede a moitos dos seus poemas.

Entra la noche como un trueno...

Entra la noche como un trueno
por los rompientes de la vida,
recorre salas de hospitales,
habitaciones de prostíbulos,
templos, alcobas, celdas, chozas,
y en los rincones de la boca
entra también la noche.

Entra la noche como un bulto
de mar vacío y de caverna,
se va esparciendo por los bordes
del alcohol y del insomnio,
lame las manos del enfermo
y el corazón de los cautivos,
y en la blancura de las páginas
entra también la noche.

Entra la noche como un vértigo
por la ciudad desprevenida,
rasga las sábanas más tristes,
repta detrás de los cobardes,
ciega la cal y los cuchillos
y en el fragor de las palabras
entra también la noche.

Entra la noche como un grito
por el silencio de los muros,
propaga espantos y vigilias,
late en lo hondo de las piedras,
abre los últimos boquetes
entre los cuerpos que se aman,
y en el papel emborronado
entra también la noche.

Contra a violencia machista



Coma outros cursos, o 25 de novembro lembramos ás mulleres que durante o último ano sufriron violencia por parte de homes que as consideraban obxectos da súa pertenza. É unha lacra dunha sociedade que moitas veces educa ós homes na crenza de que a muller é un ser inferior , sometido e obrigado a acatar ordes, veñan de pais, irmáns ou parellas. 
Distintos estratos sociais, distintos países... pero o mesmo feito, día tras día, ano tras ano...

22 de novembro de 2012

Chegan os cogumelos!!!

No noso instituto pode verse nada máis entrar, o traballo que os alumnos e o profesor de Ciencias Sociais levaron a cabo para explicar as características dos cogumelos tan variados que podemos atopar na nosa terra. Non so aparecen debuxos que identifican as distintas especies, senon moitos exemplares aportados polos membros da comunidade educativa e que  poden ser contemplados ... até que podrezan. Ides agardar a que isto ocorra?
A exposición é para todos e todas. Achegádevos















Presentación de Tonas de Laranxa

O venres 18 tivo lugar no Auditorio de Padrón a presentación do libro gañador do Premio Xerais de novela 2012. Os dous autores, María Lorenzo Miguens e Manuel Lorenzo Baleirón, acompañados polo director  da editorial, Manuel Bragado  e polo escritor Anxo Angueira, expuxeron al liñas xerais da súa obra nun local ateigado de compañeiros, amigos, veciños e autoridades, entre estas últimas o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín.

O club de lectura medra

Estamos de noraboa. As alumnas do club de lectura que agora cursan 1º de bacharelato van incorporarse ós clubs de lectura dos pequenos para facer a función de monitoras e axudar ás coordinadoras na súa actividade. Na primeira reunión asistirán como colaboradoras e próximamente collerán cada unha un grupiño de lectores para falar con eles dun dos libros que elas leron no seu día.
Esperamos que disfruten co seu traballo de ensinar tanto como o fixeron co de aprender.
Moita sorte coa nova empresa! E lembrade que temos para vós outras actividades nas que axiña poderedes mergullarvos.
E moitas grazas, por adiantado, por parte do equipo da biblioteca porque estamos desbordados co número de alumnos e alumnas que forman parte este ano de Liñas de fuga.

Exposición 10 anos do Prestixe

A biblioteca quere ensinar aos máis pequenos o que foi o afundimento do petroleiro Prestixe que causou nas costas galegas a maior catástrofe ecolóxica que se recorda. Para isto, promove unha actividade con fotografías, documentos visuais , libros... que lembran ós maiores e ensinan aos pequenos o que foi e o que non debería ser nunca máis.
Se asististes á actividade , poderás contestar estas tres preguntas:
1. Que datos tiñas ti sobre a catástrofe do Prestige antes de realizar esta actividade?
2. Coñeces a alguén na túa contorna que tivese colaborado na recuperación das nosas costas?
3. Cres que hoxe se podería volver a producir unha catástrofe como a que aconteceu hai 10 anos?
Anímate a deixar a túa opinión. Podes contestar cun so texto ou cunha resposta para cada pregunta.

15 de novembro de 2012

I Concurso de postais de Nadal

Participa no 1º concurso de Postais para felicitar o Nadal!
Haberá dúas categorías:
-Categoría A: Debuxo (tamaño: a medade dun folio)
-Categoría B: Breve texto literario en galego (prosa ou poesía)
Non esquezas entregar o teu traballo na biblioteca nun sobre pechado coa indicación "Concurso de postais de Nadal , categoría A ou B" escrito por fóra. No interior do sobre incluirase unha tarxeta co nome, apelidos e curso do autor ou autora.
Recorda que tes ata o día 30 de novembro para presentar os teus traballos.
Se tes algunha dúbida , fala coa subdirectora ou con calquera membro da biblioteca.

Reunión do club de lectura

Liñas de fuga reunirase o próximo 21 de novembro no segundo recreo para falar do primeiro libro do curso (club de iniciación): A pantasma de Canterville, de Oscar Wilde. Se pulsas no título, poderás acceder ó texto íntegro da obra.

9 de novembro de 2012

Anorexia

Liñas de fuga ven de rematar o primeiro libro do curso, Marta ante o espello, de Teresa Calo Fontán    , que trata o tema da anorexia. Esperamos que deixedes un comentario sobre o que pensades desta enfermidade. Neste vídeo terás un pouco máis de información.

A anorexia e a bulimia                                www.dietas.com

18 de outubro de 2012

Primeira reunión do Liñas de fuga

O próximo mércores 24 de outubro terá lugar a primeira reunión do club de lectura na biblioteca do instituto. Será no segundo recreo. Non faltedes á cita. Mesmo se aínda non estades apuntados/as, ese será un bo momento para facelo.
Propóñense estes dous libros:
  • El fantasma de Canterville, de Oscar Wilde ( 1º e 2º de ESO)
  • Marta ante o espello, de Teresa Calo Fontán (3º e 4º de ESO)

Dez anos despois do Prestige

Fixeron falta dez anos para que por fin se celebre o xuizo para determinar as responsabilidades da marea negra que asolou en 2002 as costas galegas. Houbo moitos impedimentos, entre eles, o entramado de interes e países implicados, os cambios de xuíz, a tardanza en crear a fiscalía medioambiental...
Que se vai sacar deste xuízo? Saberemos quen foi o responsable das decisións tomadas? Quen autorizou a navegación dun barco nas súas condicións? Pero, sobre todo, interesa saber quen vai pagar os danos ocasionados. E xa é hora.
Verbas ao mar
Esta tarde están baixas as nubes
e é a cor do mar como a da cinza.

Os berros salvaxes das gaivotas
semellan coiteladas
que fan escoar o corazón da tarde.

Hai quen trabuca doadamente
a mensura do mar coa inmensidade.

Eu de min só sei dicir
que o mar comenza no meu sangue.
O que non sei
é se o mar caberá na miña alma.
                        
                                                        Manuel María


11 de outubro de 2012

Mo Yan, Premio Nobel de Literatura 2012

O escritor chino Guan Moye recibiu o Premio Nobel de Literatura 2012. Escribiu a sua primeira novela, Chuvia nunha noite de primavera,  empregando o pseudónimo de Mo Yan (Non Fales), polo que se lle coñece no seu país. Despóis desta viñeron as máis importantes , Sorgo roxo en 1987 e Grandes peitos ,amplas cadeiras, na que se repasa casi un século da historia de China vista desde os ollos dunha muller. A novela foi retirada, unha vez publicada, pola censura. A vida e a morte estanme desgastando é outra das súas obras; pica no título se queres saber máis dela.
Tamén podes ver unha pequena mostra da súa novela Sorgo roxo, levada ao cine.

Unha narración e un poemario


                                                                                                                                       La Voz de Galicia



Tonas de Laranxa , de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón

Ás tres da madrugada Uxío Oliveira ergueuse da cama sentindo no padal a acedume arcaica daquela colonia aflorada de lilas e cangorzas que ela tiña usado anos atrás para enfeitarse. Sabía con certeza que a defunta xa estaba alí, cos ollos da  mesma carriza gris das garzas somnámbulas que nesa hora percorrían os fochancos e tremedais lamacentos de Moreira. Vestida de loito de pés a cabeza, coma un animal noitébrego, unha sombra máis a carón das  demais sombras falmiliares da casa, Aurora dos Santos, reloxeira de sona que fora, acudía puntual á súa cita.
 Nas primeiras aparicións andaba a familia toda alporizada por ver que lle facer á avoa morta. Probáronse pregarias, xaculatorias e  invocacións diversas, calados esconxuros e mesmo veu o abade das Xunqueiras a botar un longo responso en intricado latín abenzoando a casa, salferindo cada recanto co aspersorio.

                                                                                                                As escollas selectivas.blogaliza
Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez
                                                                            da vida das cousas
as cousas: esas miniaturas cósmicas e vivas da
nosa civilizada decadencia. son obxectos e
parásitos vibrantes. aínda non sei ben se se alimentan
da estupidez ou a propician. a persoa e a cousa. a gran
cousa emocionante. l´effet de la chose.

eu mesma padecín este efecto. viví en la cosa y la amé


entón o etna abriu o seu forno incandescente
para min: puiden ver as guerras ocultas: os corpos
mutilados da infancia esquecida.

así son las cosas: no todas las niñas africanas mueren de
hambre y de calor. a maioría morren de medo.

4 de outubro de 2012

Novo curso no Macías

Nunca mellor puidemos comezar o novo curso: o noso compañeiro Manuel Lorenzo Baleirón, xunto coa súa filla María, ven de gañar o premio Xerais de Novela 2012, coa obra Tonas de laranxa . O libro xa está á venda e próximamente o autor presentarao nun acto organizado pola nosa biblioteca. Axiña teredes máis noticias do evento.
Tamén a nosa compañeira poeta Rosa Enríquez publica un novo poemario do que tamén vos daremos conta durante este curso.
Parabéns aos dous!
E continuamos co Plan de mellora de Bibliotecas, o que nos permite seguir a nosa andaina un novo ano, con actividades e novidades que nos farán máis doado o camiño que temos por diante.
O club de lectura Liñas de Fuga reúnese por primeira vez para organizar as sesións dos dous niveis: o dos que se incorporan este ano e o dos veteráns. A cita será o venres 5 no segundo recreo.

22 de xuño de 2012

FELIZ VERÁN!
Desde a biblioteca queremos desexarvos a todos unhas felicísimas e merecidísimas vacacións.
Aquí tendes as nosas recomendacións de lecturas para este verán. Non desaproveitedes a ocasión de abrir un libro e disfrutar da súa lectura.
Sabedes que podedes levalos en préstamo ata setembro!



11 de xuño de 2012

Deuses e Deusas da mitoloxía grecolatina

Traballo feito polo alumnado de 4º de ESO a partir da lectura Las aventuras de Ulises, adaptación da Odisea.


4 de xuño de 2012

Os XXX Xogos Olímpicos celebraranse entre o 27 de xullo e  o 12 de agosto de 2012 en Londres, Reino Unido. Esta será a terceira vez na historia que a cidade será sé deste evento.
Moitos libros tratan o tema do deporte e moitos deportistas teñen escrito libros. Aquí che deixamos algúns por se che interesa o tema.
Seguro que tamén che gustaría a película Carros de Fuego , que xa é un clásico (podes collela na biblioteca)
e disfrutar , ademáis, da maravillosa música que Vangelis fixo para ela. Aquí tes unha pequena mostra.





Londres 2012 on PhotoPeach