29 de abril de 2010

Lecturas de un minuto


A partir do próximo mércores e durante todo o mes de maio terá lugar na biblioteca a actividade "Lecturas de un minuto" para celebrar o Mes das Letras: representantes do profesorado e do alumnado lerán un pequeno texto no segundo recreo, ás 12:25. Se queredes participar, apuntádevos na biblioteca.
O calendario previsto é o seguinte:
* 5 de Maio... Alberte Villamarín e Maruxa Guitián.
* 12 de Maio.. Ángela Precedo e Ángeles Sandino.
* 19 de Maio.. Débora Pardal e Rosa Enríquez.
* 26 de maio.. Celina Laurijssen e Pedro Expósito

22 de abril de 2010

Uxío Novoneyra



Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado a Uxío Novoneyra. A obra deste poeta está fortemente vinculada á tradición e ao popular, sen deixar por iso de ser vangardista
Parada do Caurel (Elexías do Caurel e outros poemas), lugar do seu nacemento, honrará o escritor con diferentes actos culturais, como o que se realizará o domingo 9 de maio cun paseo desde A Ferrería até Parada.

15 de abril de 2010

Intercambio de libros




Semana do Intercambio do IES Macías o Namorado!!!!
Do Mércores 21 ao Mércores 28 de Abril

Se tes material para intercambiar (libros, DVD, cómics, CD, revistas, películas...) fala cun dos membros do equipo da biblioteca (Pilar, Esperanza, Maruxa, Alfonso, Ángeles, Rosa, Sixto e Rosendo) ou coa persoa que estea nela de garda. Tes de prazo ata o mércores 21 de abril.

8 de abril de 2010

Hans Christian Andersen

Foi un escritor cunha grande imaxinación, que escribiu moitos dos contos cos que gozamos na nenez: O patiño feo, O soldadiño de chumbo, A sereíña, A princesa e o chícharo... Naceu o 2 de abril de 1805, por iso elixíuse esa data para conmemorar o Día do Libro infantil e xuvenil.




Se queres saber máis da súa vida e ler os seus contos, pincha na entrada.




17 de marzo de 2010

O 12 de marzo morreu Miguel Delibes



Foi un gran escritor. Demostrouno con obras como El Camino, Cinco hora con Mario, Los santos inocentes (a imaxe pertenece a un fotograma da versión cinematográfica desta obra) o El hereje.
Pero tamén foi un gran home, preocupado polos problemas medioambientais, o avance da tecnoloxía ou as relacións persoais. Se queres saber o que pensaba de moitos destes temas, le o seu Discurso de entrada na Academia .

11 de marzo de 2010

Bibliotecas del mundo

Se gozamos do xantar, estaremos encantados de ir a restaurantes bonitos con ambientes agradables.
Se nos gusta nadar, encontrarémonos de marabilla nunha piscina olímpica.
Se ler é algo maravilloso, imaxínate o que pode supoñer facelo nun lugar como estes que aparecen na seguinte presentación .

4 de marzo de 2010

CLUBE DE LECTURA "LIÑAS DE FUGA"


No clube de lectura empezamos cun novo libro. Trátase de Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros.
Agardamos que vos guste.

3 de marzo de 2010

Mesa de debate sobre a situación actual da lingua

O venres día 5 de marzo, ás 12:45 no salón de graos do IES, terá lugar un acto sobre a situación do galego na nosa Comunidade.
Falarán
- Francisco X. Rei, filólogo e portavoz da Plataforma Queremos Galego.
- Pedro Ortueta, moderador.
- Unha persoa do mundo da cultura, aínda por determinar.
O acto está organizado polo Equipo de Normalización Lingüística do Macías o Namorado.

/profesorborja.blogia.com

24 de febreiro de 2010

Contra a violencia machista

No salón de graos do noso Intituto, Macías o Namorado, celebrouse o día 11 de febreiro un acto solidario coa familia de Mari Luz Posse (familiar dun alumno noso) asasinada hai dous anos no cuartel da Garda Civil pola sua ex_parella, Jaime Maiz Sanmartin, a día de hoxe en liberdade.
A familia reclama xustiza e nós, dende aquí, quixemos darlle VOZ.


MANIFESTO SOLIDARIO COA FAMILIA DE Mari Luz Posse – 11 /02/10

Queremos manifestar que:
Hoxe, hai 2 anos, 1 mes e 27 días acontecía a tráxica morte de Mari Luz Pose a mans da exparella; unha morte machista máis, que pasa a engrosar as filas de mulleres asasinadas.

Queremos manifestar que:
A xustiza non sempre é xusta, ou polo menos neste caso, errou de cheo, por un asunto de sinaturas, por cuestions de descoido, en definitiva por unha neglixencia xudicial.

Queremos manifestar que:
Cando a familia comeza a asimilar a dor e a ausencia dunha persoa querida,o seu asasino esta xa na rúa , esta vivindo unha vida que non lle corresponde, porque todas e todos sabemos onde tería que estar: cumprindo a pena na cadea.

Queremos manifestar que:
Unha sociedade sá e que defende a liberdade e a xustiza non pode consentir nin abandonar ás familias nin ás persoas que son víctimas deste tipo de violencia. Porque, se non, que tipo de sociedade estamos a crear, que modelos defendemos? Onde está a solidariedade , o apoio, a xustiza?

Por todo isto,

Aquí, neste lugar de ensino, e agora, a 11 de febreiro de 2010, vémonos na querencia, na necesidade e na obriga de rexeitar este tipo de neglixencia gravísima, vémonos na querencia, na necesidade e na obriga de esixir que a xustiza se exerza cos delincuentes e que a sociedade se pronuncie e sinale aos agresores e que apoie e defenda ás familias víctimas da violencia.

Decidimos manifestalo aquí e agora, porque non é un caso alleo, é un caso cercano a nós, porque tanto Pablo, o sobriño de Mari Luz, como a súa familia, forman parte da nosa comunidade educativa.

Finalmente, dicir que denunciamos e condenamos enérxicamente este tipo de actuacións por parte da xustiza, e que rexeitamos a laxitude e deixadez en todos e cada un dos casos de violencia machista porque, cando asasinan a unha muller, dalgunha maneira asasínanos a todas. Todas somos Mari Luz.

3 de febreiro de 2010

Reparto de mochilas viaxeiras


Como outros anos, a Biblioteca vai iniciar a actividade das Mochilas viaxeiras. Estas as recibirán algúns alumnos e alumnas do primeiro ciclo de Eso para levar ás súas casas e compartir cos seus familiares. Nelas atoparán diverso tipo de libros nas dúas linguas (ningún en inglés...), así como material audiovisual.
Este ano incluímos unha libretiña na que podedes apuntar o que vos pareceu, o que vos gustou e o que non, ou calquera cousa que queirades comunicarnos.
Esperamos que a selección feita sexa do voso agrado.

28 de xaneiro de 2010

Que é para ti o amor?


Atreveste a definilo en cinco liña como máximo? Necesitamos todas as vosas ideas para poñer nos muros, no teito , no chan...
Deixa a tua mensaxe nesta mesma entrada, pinchando en "comentarios".

Tes de prazo ata o LUNS 15 DE FEBREIRO

22 de xaneiro de 2010

Visitamos VERBUM


O 20 de xaneiro as/os integrantes do Clube de Lectura visitaron a Casa das Palabras, coñecida tamén como Verbum.
Unha guía ensinoulles a exposición na que encontraron libros como el Corán ou a Biblia, escoitaron poemas musicados, souberon da censura de libros prohibidos nalgún momento da historia e xogaron ás palabras no labirinto.
Despois da visita, acudiron a un obradoiro de literatura no que leron greguerías e haikus, inventaron un pequeno relato e crearon caligramas.

21 de xaneiro de 2010

En defensa do galego



O día 21 o instituto estivo case baleiro. A maioría do profesorado fixemos unha folga para protestar polo retroceso que supón para a nosa lingua o novo decreto que se quere facer e impoñer nas aulas . So asistiron nove alumnos/as.
A manifestación que tivo lugar en Compostela reuniu a milleiros de persoas que non quixeron calar cando sentiron a aldraxe. Homes e mulleres, nenos e nenas, mozos e mozas, adultos... repetindo o mesmo berro: QUEREMOS GALEGO

14 de xaneiro de 2010

Concurso de Microrrelatos de Terror


O xurado resolveu o concurso de microrrelatos de terror e decidiu dar un Primeiro premio e un Accésit na categoría superior. Na categoría inferior non se outorgou ningún polos erros de forma dos participantes, tales como asinar o traballo presentado ou non ter os datos xunto co pseudónimo. A próxima vez haberá que poñer máis atención ás normas.
Noraboa ó gañador e á finalista!

PRIMEIRO PREMIO : ALBERTE VILLAMARÍN RODRÍGUEZ, de 1º curso de Bacharelato

REN
Caín na conta de que non tiña mans. En verdade vin que non tiña unllas, logo desaparecéronme os dedos e agora as mans. Deus, que horror! Desespérome, que é isto? que me pasa? Algo apértame o peito, non sei que é. De súpeto a cheminea fica sen lume e o cuarto escurece. Choro, altérome, xa non sinto nin os brazos, é arrepiante, un pesadelo, desapareceríanme xa? Suo, respiro axiña e sen me decatar sinto como unha fría man arríncame o corazón. Déixame baleiro, sen nada. Esvaézome. A dor remata comigo. Xa non importa se agora teño dedos ou pés, xa nada importa, non sinto REN.

ACCÉSIT: SILVIA MÉNDEZ MIGUÉNS, de 1º curso de Bacharelato

O PODER DAS TELETENDAS
Caín na conta de que non tiña mans cando non fun capaz de acender a televisión. Pedinllo a meu pai. Queixeime, berrei, mais ignoroume. Puxo na teletenda e marchou. Tiven que fastidiarme e vela, pois non tiña maneira de cambiar. Pasaron ao seguinte anuncio. E eso? Vendían mans! Desespereime, chorei, berrei, e , nese intre vin algo familiar. Demasiado. As miñas mans! Necesitabaas! Que facían aí? Quen mas quitara? Cando? Como? Por que?

17 de decembro de 2009

Recomenda un libro



Se tes leído un libro que che gostara moito e cres que lle podería interesar a alguén para agasallar neste Nadal, escribe un comentario e indica o título e o autor. Seguro que haberá quen cho agradeza.

10 de decembro de 2009

Un pouco de ioga


É tempo de exames e o mellor para facelos ben é preparalos mellor, pero non é menos importante saber relaxarse para rendir ó máximo. Pode que un pouco de ioga vos axude a conseguilo.

3 de decembro de 2009

Un poema do obradoiro de poesía


O alumnado que asiste ó obradoiro de poesía compuxo este poema que terá , de seguro, continuidade. Disfrutade del.

O supercan can Barciera
camiña pola pradeira.
El e máis lady Cadelia
os dous vestidos de seda.

No outro lado do campo
Floribunda merendando,
rilla que rilla no galgo,
trágao gorxa abaixo.

Supercan vendo o festín,
vai ao fondo do xardín
coa escopeta de balíns
metida no maletín.

Balíns sobre Floribunda.
A raiva da tremebunda
esmorece á luz da lúa.
A flor cae moribunda.