19 de junho de 2014

Nos vórtices da aniquilación


A alumna de 1º de bacharelato Paula Antía Rey Baliña ven de ser galardoada co terceiro premio do VIII Certame de Poesía Xela Arias. Pero non é o único premio neste último mes. Todo comezou en maio, coa marabillosa noticia do segundo premio nos Premios Minerva na modalidade de poesía. A pasada semana, unha chamada de Anxo Angueira comunicoulle que resultara gañadora do II Concurso Escolar Rosalía de Castro, organizado pola Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés.
A noticia do Certame de Xela Arias chegou este martes. 
Dende a Biblioteca, queremos que coñezades un pouco máis a Paula e a súa extraordinaria traxectoria. Para iso, os seus compañeiros e compañeiras do Clube de Lectura fixéronlle unha entrevista para achegarvos a ela.

-Ola Paula, como estás? Nós estamos desbordados de ledicia por esta noticia.
-Ola. Estou eufórica, feliz por tantas boas novas en tan pouco tempo.

-Costouche moito decidirte a presentar os teus poemas aos concursos, facelos públicos?
-A verdade é que estes son os primeiros concursos aos que e presento e teño que confesar que me costou moito animarme a presentar os meus traballos. Sempre escribía para min como algo íntimo e foi un gran cambio comezar a abrirme cara a xente. Sigo un pouco reticente cara iso.

-Falanos dos teus comezos. Cres que naceches para isto?
-Eu sempre fun da opinión que ninguén nace poeta, senon que un poeta faise. Sempre me lembro rodeada de libros. Na miña casa lese moito e dende pequena eu tamén. Aos comezos, sempre lía prosa, pero cando cheguei ao instituto, todo cambiou. Grazas ao Clube de Lectura puiden achegarme ao marabailloso mundo da poesía a través do Obradoiro de Poesía que organizaba Rosa Enríquez. Liamos tanto aos clásicos en castelán como a autores franceses, como Prévert, ou a outros autores europeos coma Bertolt Brecht. Máis tarde comezamos a escribir. Rosa dabános ideas e a partir delas escribiamos e logo recitabamos.
Desgraciadamente, o Obradoiro de Poesía non existe máis, pero agardo estarei agradecida toda a vida por tal experiencia.

-Como é o proceso de creación dun dos teus poemas?
-Agora mesmo estou escribindo moitísimo, a calquera hora. Moitas veces escribo a partir dunha palabra e logo fórmase o poema na miña mente.

-A gran cuestión é: por que?
-Gran pregunta. Escribo, basicamente, por necesidade de plasmar sentimentos, a idea total do poema formase despois.

-Consideras aos teus poemas nunha temática definida?
-Non creo que a poesía de hoxe en día deba encadrar nunha temática definida. Trato de experimentar con distintos conceptos. Tampouco quero decir todo nos meus poemas. Quero que quen os lea sinta o poema como algo propio, que os interpreten como queiran. Creo que iso é o máis interesante da poesía.

-Falemos do futuro. Que queres facer?
-Sei que é moi dificil vivir da poesía, pero sempre estará ese desexo latente en min. Aínda así, quero estudar algunha carreira relacionada coas linguas, en principio Tradución e Interpretación.

-Seguirás escribindo toda a túa vida?
-Por suposto, pero o meu gran medo é perder toda a inspiración. Sei que a miña poesía terá que evolucionar, pero teño medo de que o faga dun xeito que non me guste.

-Paula, estamos moi agradecidos e orgullosos de ser os teus compañeiros. Grazas  polo teu tempo.


-Moitísimas grazas a vós por todo.


Nenhum comentário: