16 de xaneiro de 2024

 CLUBE DE LECTURA DE PROFES

Neste mes comezará a súa actividade o Clube de lectura do profesorado do IES Macías o Namorado e estará dirixido polo coordinador da Biblioteca.

O coordinador propondrá un libro de lectura por trimestre, o primeiro dunha lista recomendada da que os membros poderán escoller outro ou propoñer unha lectura non incluida na lista por resultar entretida, interesante, atractiva ou divertida.

Unha vez lido o libro, en lugar de facer unha reunión, comentaremos as nosas impresións e  valoracións sobre a lectura no sección PUBLICAR UN COMENTARIO deste blog.




Así, para romper o xeo, comezaremos coa última novela de Pedro Feijoo, Ninguén contará a verdade, Premio Xerais do ano pasado.





A proposta inicial de Antonio foi a lectura de Revolución I de Gouzael e Locars, 
unha novela gráfica sobre a Revolución francesa, da que tedes unha reseña nos comentarios.
 





6 comentarios:

Anónimo dixo...

REVOLUCIÓN I.

A Revolución Francesa nunha novela gráfica.

Os convulsos meses de 1789 cambiaron a Historia da Humanidade, París foi o epicentro dun remuíño de ideas, emocións e sobre todo desesperación. A novela gráfica Revolución I aproxímanos ás rúas parisiense cun realismo sen contemplacións que amosa con crueza a miseria, a fame a violencia...
Os autores recibiron varios premios merecidos en Francia, onde os historiadores son tremendamente esixentes coa “súa revolución”. A novela está a conciencia documentada con explicacións breves e concisas que introducen os capítulos nos que se divide. Pero sobre todo presenta unha aproximación poliédrica a distintos aspectos que confluíron nos acontecementos revolucionarios: o papel político da burguesía nos Estados Xenerais, o liderado das peixeiras parisiense, a existencia de complots contrarrevolucionarios aristocráticos, a importancia da prensa...
Pero ao mesmo tempo a trama, amosa o arrastre emocional de personaxes inspirados polos ventos de cambio, a transformación de nobres que traizoan ao seu estamento, a loita pola supervivencia dos esfarrapados... En todo o momento o foco é París, e ten mérito que unha novela gráfica sobre a Revolución Francesa, non teña unha soa viñeta da Corte, e non amose o rostro do monarca... todo é París e o pobo!!!
Unha novela que engancha cun debuxo algo esbozado e pouco definido que suxire a falta de definición e a turbidez dos acontecementos, pero cunhas tintas e tonalidades expresivas e uns encadres tremendamente cinematográficos que arrastran ao lector dentro do rebumbio de tiros e golpes. Estás dentro das barricadas, séntese o fume da pólvora, o frío do Sena, o silencio da noite...
Unha interesante aproximación á revolución, e unha novela cunha trama complexa que engaiola, require unha reflexión e paga a pena.

Ana Bio dixo...

UN AMOR, de Sara Mesa.

Coñecín o universo de Sara Mesa hai un par de anos, cando un amigo lector me recomendou este libro. Enseguida me atrapou esa maneira de que ten a autora de incomodarte, de causar en ti esa sensación de molestia, por veces angustiosa, incluso perturbadora e, por veces, acompañada de rabia.
Comprobei tras ler "Cara de pan" e "Cicatriz" (tamén recomendables) que esa capacidade é o seu sinal de indentidade. Recentemente tamén gocei de "La familia", dos meus favoritos.

Porén, sen dúbida decántome por "Un amor", novela que levou ao cine Isabel Coixet e que actualmente é candidata a varios premios Goya 2024 (á altura, por certo, do libro... tremendas interpretacións!).
Animo as persoas que descoñecen a Sara Mesa a que lean algunha obra dela, pois guste máis ou menos o relato, nunca deixa indiferente, o que sempre se agradece como lectora.
Nat é a protagonista de "Un amor", acompañala na súa "non adaptación" ao lugar que busca no mundo, un mundo que se presenta tan hostil e tan normalizado, tan cruel e tan común (personaxes recoñecibles no día a día que nos rodea) é unha viaxe que merece moitísimo a pena.

Aquí unha fan de Sara Mesa, que se animará tamén coa novela de Pedro Feijoó, "Ninguén contará a verdade".

Susana. Orientadora dixo...

El Cuarto mono é unha triloxía formada pola serie: “El cuarto mono”, “La quinta víctima” e “La sexta trampa” moi recomendable para os amantes da novela negra. Trátase dunha aditiva saga escrita por J.D. Barker onde o policía Sam Porter se enfronta cun asasino en serie que se fai chamar o cuarto mono.
Esta triloxía mantívome enganchada con cada páxina. Encantoume a súa estrutura xa que se organiza en capítulos curtos centrándose en cada capítulo nunha personaxe distinta e narrándose a dous tempos (a infancia do asasino e a actualidade). Esta forma de narrar a historia fai que se lea de xeito moi rápido e que resulte moi entretido.
Ben é certo que se trata dun thriller con escenas un tanto crúas, retorcidas e inquietantes. Sen embargo, podo dicir que a medida que se suceden os acontecementos a historia se volve máis imprevisible creando unha trama onde nada e todo pode ou non ser o que parece e onde sempre estás alerta e en tensión. É imposible parar de ler!

Anónimo dixo...

O Coordinador do Clube anima aos/-ás integrantes do clube a participar na conversa sobre os libros que estades a ler, expresando as vosas opinións como os/as compañeiros/-as que xa o fixeron nos anteriores comentarios. Ánimo e lede moito

Pablo AF dixo...

NINGUÉN CONTARÁ A VERDADE, por PEDRO FEIJOO.

Aínda a día de hoxe encántame ler o xornal en papel, pero cando chego as novas sobre corrupción política ou os trapos sucios de políticos e empresarios non podo ir máis aló do titular. Deprímeme ler sobre o cutrerío e as trampas nas altas esferas. Por iso, cando vin que o novo de Feijoo trataba sobre estes asuntos non me pareceu moi atrainte. Ademais, é un novelón de mais de 600 páxinas! Porén, o día do meu aniversario agasalláronme o libro así que non tiven escapatoria.

“Ninguén contará a verdade” é unha novela moi entretida e apta para aqueles coma min os que lles interesa a política pero senten a miúdo noxo cara os nosos representantes electos. A historia en sí é interesante pero para min non foi a trama o mellor da obra, senón como está escrita. Sempre me gustou o estilo de Feijoo pero dame a impresión de que sigue a mellorar na súa habilidade a hora de facer avanzar a historia. En particular gocei moito dos diálogos, nos que non sobra artificio ningún e que propulsan a trama de xeito áxil. A novela ten certos picos de intensidade que soen coincidir coas escenas nas que a violencia toma as páxinas. Penso que o autor é un mestre a hora de facer que o lector empatice coas vítimas e sinta unha fracción do medo e a dor polos que estas están a pasar. A min se me fixeron duras algunhas destas escenas, pero considero que a violencia explícita é propia do xénero e é algo que, dunha maneira algo enfermiza, desfruto.

Xa para rematar, e falando do remate da novela, hei dicir que o final resultoume convincente e ben levado. Teño lido moitas obras policiais nas cales o final é un bluff logo dunha trama trepidante. Aquí se mantén ben a tensión e a resolución pareceume satisfactoria. Quédanme algunha das súas novelas previas por ler e de seguro que mirarei o que hai na biblio do Macías.

Pablo AF dixo...

Ándame rondando na cabeza ler a Sara Mesa. Creo que Ana me convenceu.