Amei-te tanto esta tarde
cando non estavas,
e estaba o ceu como un atlas de auséncia
esbarando nas horas!Que estraño é todo isto, este amor que se agolpa
e verte a súa fúria por acima de unha
sen piedade!
Non sei por que estes días en que te amo tanto
e tan fundo e tan duro e tan tristeiro,
dias en que quixera aniquilar-te
de tanto amor como me tinxe o corpo
e me lastima os dentes.
Esta tarde amei-te como invasión de escumas
en sartegos tenrísimos.
Non sei que estrañas aves aniñaron en min
para que así te ame,
non sei que tortas roitas ou mans confabuladas
me trouxeron a ti,
non sei por que camiños navegou o meu sangue
para chegar a ti.
Non sei se faro ou torre ou terra prometida
foron marcando o norte dos meus sucos.Só sei que aquí me tés, a ti ofrecida,
sen culpa deste amor que caeu sobre min
non sei se como pedra ou lóstrego ou fervenza.Esta tarde amei-te como nunca,
pero ti non estavas.
"Sétima soidade" Pilar Pallarés
Colección Esquío de Poesía.
Imaxe da poeta
Ningún comentario:
Publicar un comentario