La Voz de Galicia
Tonas de Laranxa , de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón
Ás tres da madrugada Uxío Oliveira ergueuse da cama sentindo no padal a acedume arcaica daquela colonia aflorada de lilas e cangorzas que ela tiña usado anos atrás para enfeitarse. Sabía con certeza que a defunta xa estaba alí, cos ollos da mesma carriza gris das garzas somnámbulas que nesa hora percorrían os fochancos e tremedais lamacentos de Moreira. Vestida de loito de pés a cabeza, coma un animal noitébrego, unha sombra máis a carón das demais sombras falmiliares da casa, Aurora dos Santos, reloxeira de sona que fora, acudía puntual á súa cita.
Nas primeiras aparicións andaba a familia toda alporizada por ver que lle facer á avoa morta. Probáronse pregarias, xaculatorias e invocacións diversas, calados esconxuros e mesmo veu o abade das Xunqueiras a botar un longo responso en intricado latín abenzoando a casa, salferindo cada recanto co aspersorio.
As escollas selectivas.blogaliza
Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez
da vida das cousas
as cousas: esas miniaturas cósmicas e vivas da
nosa civilizada decadencia. son obxectos e
parásitos vibrantes. aínda non sei ben se se alimentan
da estupidez ou a propician. a persoa e a cousa. a gran
cousa emocionante. l´effet de la chose.
eu mesma padecín este efecto. viví en la cosa y la amé
entón o etna abriu o seu forno incandescente
para min: puiden ver as guerras ocultas: os corpos
mutilados da infancia esquecida.
así son las cosas: no todas las niñas africanas mueren de
hambre y de calor. a maioría morren de medo.