30 de abril de 2021

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA BILIOMACIAS DE 3º E 4º DE ESO

Para este trimestre, escollemos como lectura O diario violeta de Carlota de Genma Lienas. Tocaba mirar o mundo cuns lentes violetas e as /os compoñentes do club de lectura Bibliomacias estiveron á altura. Resultou ben gratificante escoitar os seus comentarios sobre o libro e a súa mensaxe.


 

Na obra distínguense dúas tramas; por un lado a vida persoal de Carlota ( a importancia das amizade, a convivencia cos pais e cun molesto irmán pequeno, o primeiro amor…) e por outro lado a descuberta , da man da súa avoa , do que significa o feminismo.

Carlota descobre a terrible situación que viven as nenas nalgúns países  só polo feito de seren mulleres. Pero tamén aprende tamén a recoñecer os micromachismos que perviven na nosa sociedade, e que nos pasan desapercibidos de tan aprendidos que os temos.

Unha lectura amena, reveladora e interesante que vos recomendamos sen dúbida ningunha.


23 de abril de 2021

 


Visita das escritoras Andrea Maceiras e María Reimóndez

Non se pode dicir que non aproveitamos ben esta semana. Aínda que de xeito virtual, tivemos o pracer de recibir no instituto a dúas escritoras: Andrea Maceiras e María Reimóndez.


O luns, María Reimóndez comentou co alumnado de 4º de ESO a súa obra  A dúbida. María foi esmiuzando os  temas reflectidos no libro: violencia de xénero, abusos sexuais a menores,  pederastia,  explotación de menores etc. Pero tamén lembrou as mulleres valentes  coma Deli, a protagonista, que loitan por sacar a verdade á luz. Ler esta obra lévanos a reflexionar sobre un tema tan grave e que non sempre está suficientemente visibilizado.

 






 

 O mércores visitounos Andrea Maceiras para falarnos do seu libro O que sei do silencio. Despois de que Xoel e Saray  nos presentaran a escritora, puidemos ver un precioso vídeo elaborado  por Andrea con sombras chinesas sobre un dos relatos que aparece no libro.

Comentamos  con Andrea a actitude dos  personaxes, os  capítulos  que máis nos impactaron, o proceso de creación do libro etc. Pero tamén falamos de acoso, de acosadores activos e pasivos, de respostas, de solucións… e aínda nos quedou tempo  de coñecer unha das súas gatas.

 


 

Moitas grazas ás dúas escritoras pola súa visita

19 de abril de 2021

23 de abril, Día do Libro

                            

 Con motivo do Día do Libro, dende a Biblioteca temos previstas dúas actividades para o día 23 e para o día 27 na ESO. 

A primeira actividade do día 23 consiste en ler fragmentos de textos clásicos en galego (1º da ESO) e castelán (3º da ESO) nas clases correspondentes.

A segunda actividade, está prevista para o martes día 27, tamén nas aulas, e consiste en que o alumnado de 3º/4º ESO comente algunha das súas lecturas preferidas ao alumnado de 1º/2º ESO e viceversa.

A intención do equipo da Biblioteca era facer unha actividade na Biblioteca e/ou Salón de Actos nas dúas últimas horas do venres 23 para  o alumnado da ESO mais, dadas as actuiais circunstancias, vémonos obrigados a facer esta pequena homenzaxe ao libro na aulas correspondentes da ESO.

 

Os mellores libros son aqueles que, despois de lidos, todo o mundo pensa que tería dito o mesmo. Blaise Pascal