29 de novembro de 2017

Clubs de lectura Ágora - novembro

Este mes de novembro, a pesares dos exames e de todo o esforzo que supón o final do trimestre, o alumnado de 4º e 1º de Bacharelato, non faltou a súa cita co club de lectura.
Alejandro, Nerea, Alba, Iria, Andrea, Aldara, Ángela e Alba




 Nerea, a protagonista do libro Luns de Eli Ríos, suscitou un debate ben interesante sobre a violencia machista que, aínda, neste século XXI, asasina a tantas mulleres.
Dende a Biblioteca intentamos tecer esa rede de afectos, proposta por Eli, para poder axudar, acompañar e loitar con todas as mulleres que nos necesiten.

Alex, Nerea, Mireia, Sara e Anabel disfrutando do libro Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz.

Libros e galletas!!!! 
 A "familia" dos biblionamorad@s vai pouco a pouca facéndose máis grande.
Este mes, Ana Pose, a profe de Sociais e Plástica, fíxose cargo dun novo club de lectura a ritmo de: O piano / no no pía/ fachendoso polo día..
Moitas felicidades polo éxito de convocatoria e a participación activa do alumnado!
         


21 de novembro de 2017

Charla con Eli Ríos. Biblionamorad@s espazo libre de violencia machista

Hoxe, o alumnado de 1º de Bacharelato e 4º da ESO disfrutou coa presenza e coas contundentes palabras de Eli Ríos dende o primeiro minuto da súa intervención!
 

"A conciencia pesa por todos o minutos que puido salvar" (Luns, Eli Ríos) 


8 de novembro de 2017

Club de lectura ÁGORA - Novembro

       O martes, 28 de novembro, celebraremos a segunda reunión dos clubs de lectura ÁGORA.
Coma a vez anterior, xuntarémonos na Biblioteca do centro ás 15:15.
      O alumnado de primero e segundo, coordinado pola profesora Anabel, comentará o libro de Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno.
      Despois dunha longa estadía en Quebec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.

 
   


      As rapazas e rapaces de 4º e de 1º de Bacharelato, acompañados pola súa profesora Lourdes, farán o mesmo, pero co libro de Eli Ríos, Luns.

     Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día. " Luns " , gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.
Contamos con vós!

6 de novembro de 2017

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

MANIFESTO DE ÁNGEL CARRACEDO


Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.
Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.
Texto do científico Ángel Carracedo con motivo da celebración do Mes da Ciencia

1 de novembro de 2017

Benvido novembro!

O equipo da Biblioteca xa case ten todo preparado para disfrutar das actividades deste mes.

Biblionamorad@s unirase  á celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS; o alumnado visionará, grazas a Cinerágora filmes de temática científica, asistirá a charlas de dous divulgadores do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), poderá achegarse á mesa con libros e revistas de temática científica, instalada na entrada do centro  e presidida polo esquelete prestado polo  Departamento de Bioloxía, e moitas actividades máis, segundo vaian xurdindo!

Por suposto, a Biblioteca participará en coordinación co Equipo de Normalización Lingüística do centro, na celebración do Día Internacional Contra a Violencia de xénero.

 De feito, o club de lectura dos maiores deste mes, tendo en conta a importancia da reivindicación desta data, escolleu como lectura o libro de Eli Ríos, Luns, novela gañadora do primeiro Premio Torrente Ballester convocado só para obras en galego, na que a autora presenta á protagonista dende unha perspectiva de xénero innovadora e, como xa lin no Twitter de biblionamorad2s, "sorprendente. Final desconcertante". Ademais, temos a sorte de poder contar con ela o 21 de novembro! Virá a comentar a súa obra co alumnado de 1º de Bacharelato e cos participantes no club de lectura.

Que vos parece?

Benvido novembro!!!!