30 de novembro de 2018

ENCONTROS CON IRIA VEIGA RAMOS

O pasado martes, 27 de novembro, Iria Veiga Ramos veu ao noso centro para falar co alumnado de 4º ESO e 1º BAC sobre intelixencia artificial e intervención xenética. Este encontro tivo lugar na Biblioteca
a 3ª hora, despois de termos visto o filme GATTACA nas dúas primeiras horas de clase.

Foi moi interesante todo o que escoitamos nesa charla, da que aprendemos todas as persoas presentes. Non unicamente o alumnado de ciencias, que era a quen ía dirixida a charla. Tamén ás profesoras de Bioloxía, Matemáticas e Galego que decidiron acompañarnos e darnos, polo tanto, todo o seu apoio.

Ben, alén dos agradecementos ás profesoras que si nos acompañaron, queremos suliñar o que máis nos interesou do encontro con  de Iria. Referímonos ao tema dos tranxénicos, da posíbel prolongación da vida, e, por riba de todo, da intervención xenética en humanos. A verdade é que todos estes temas darían para outra hora máis, como aseguraron moitas alumnas ao remate. Isto de quedar con ganas de máis é un moi bo síntoma. Nós interpretámolo coma un medidor do interese, que nos permite determinar a satisfacción que sentiu o alumnado coa actividade. Estamos contentas!




29 de novembro de 2018

Club de lectura - Novembro

O pasado martes 27 de novembro, os nosos corazóns lectores non faltaron a súa cita cos libros; os máis nov@s coa poesía de Fran Alonso, e os veteran@s coa novela de María Solar.


Sentir a punta dunhas tesoiras
apertando na gorxa.
Sentir un globo de nada
inchando o ventre.
Sentir que todo dá voltas
moito máis rápido
do que os meus ollos
poden seguir.
Sentir a miña respiración acelerada
na negrura viscosa da escuridade.
Sentir o meu pulso disparado
e tolo
sen poder evitalo.

O medo.






Os nenos da varíola

"Baseada na historia real dos 22 nenos orfos da expedición Balmis que levaron no seu corpo a vacina da varíola a América"

Biblionamorad@s 

28 de novembro de 2018

INVISIBLES, DE MONTSE FAJARDO





O xoves, 23 de novembro, Montse fajardo veu visitar o noso centro para falar co alumnado de 4º ESO e 1º BAC sobre o seu libro INVISIBLES. Este encontro foi organizado polo Departamento de Normalización Lingüística coa idea de poñer enriba da mesa un tema moi grave: a violencia contra as mulleres.

Matilde Pena, a coordinadora de Normalización, escolleu este libro entón non só polo tema que aborda, como podería parecer de entrada. Tamén, e moi importante, porque os relatos son reais. As mulleres das que escribe Montse existiron e padeceron a violencia das súas parellas. Dende a Biblioteca entendemos que o Equipo de Normalización quixo facer visíbel que un tema tan grave coma este, do que se ten falado tanto en todos os medios de comunicación, non desaparece, entre outras cousas porque, á hora da verdade, poucas persoas ousan denunciar o seu veciño, pai, tío ou colega. Por esta razón, as nosas amigas, nais, curmás, veciñas non sempre atopan o apoio social que precisan e fica na máis absoluta INIVISIBILIDADE, vitimizadas e soas. Que esta violencia que se produce no espazo íntimo é unha cuestión política e social que nos afecta a todas e todos, é algo que aínda temos que aprender a levar á práctica para non sermos cómplices. Fajardo falou disto, deste silencio que converte en INVISIBLES os maltratadores. Quen son?; como se chaman?; onde viven?

O alumnado estivo moi atento e manifestou grande interese polo que relatou a autora durante a charla. Fixeron pois moitas preguntas, algo que nos agradou, porque se xerou unha conversa moi arriquecedora para toda a comunidade educativa. Dende a biblioteca aplaudimos esta actividade!


22 de novembro de 2018

R2D2 Y EL CABALLERO DE LA TRISTE FIGURA

Hoxe, o noso alumnado de 1º e 2º da ESO asistiu á representación dunha libre versión de Don Quijote en singular duelo teatral con R2D2 (¡Arturito!), da man do actor arxentino Ricardo Frazer.

 

 





Convidamos ao noso alumnado a disfrutar das distintas versións desta obra, pertencente á literatura universal, que temos na nosa biblioteca.

BIBLIONAMORAD@S ESPAZO LIBRE DE VIOLENCIA DE XÉNERO



CLUBS DE LECTURA ÁGORA - NOVEMBRO


CLUBS DE LECTURA ÁGORA

DÍA :                27 DE NOVEMBRO

LUGAR:            BIBLIOTECA DO IES MACÍAS O NAMORADO

HORA:              15:15


                  
A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca.












Street Poems, Fran Alonso


       

      Este é un libro de poemas inconformistas, críticos, gamberros e combativos; disparos de graffiti que poderían ser escritos nos muros e rapeados con pintura nas paredes, seguindo a estela da arte na rúa, un libro que procura espazos de confluencia entre as artes plásticas e a poesía.

21 de novembro de 2018

CLUB DE LECTURA DE PROFES


Este martes, 20 de novembro, tivemos a primeira reunión do Club de Lectura de profes sobre o último libro de María do Cebreiro: Soños. Arquivos.Cartas.



A experiencia foi gratificante porque axiña se xerou unha interesante conversa sobre os diversos eixos temáticos que percibimos no libro. Falamos entón da presencia do corpo como territorio político e textual no que agroman o pracer e a dor. Pareceunos atraente a visión do amor da poeta, así é que, por exemplo, Lourdes leu en alto un poema enteiro que lle encantou e que di así:





M. (4)/ E

"Hai nomes que queiman os dedos cando escribo, aínda que me deteña na inicial.


A xente fala de superar a dor pero ningunha dor verdadeira se supera. Limítaste a enterrala e logo esperas a que floreza como florece a flor branca das patacas.

O tempo cura porque mata.

Unha remolacha non é unha pataca. Ábrela e sangra nas túas mans, como sangraría o teu corazón se cho arrincasen. "


Despois da lectura deste poema, Rosa citou un verso de María sobre o amor que sintetiza perfectamente a visión da poeta sobre este sentimento que tanta importancia ten nas nosas vidas.Velaquí o verso en cuestión:

"E eu aprendín dunha vez que o amor non era eterno senón infinito"

Despois desta cuestión, a profesora de Arte e Xeografía, Mar, falou das feridas do corpo, da dor en contraposición á ledicia, que, inferimos entre todas, pode ser, en parte, construída por nós, sempre que o contexto non sexa demasiado desfavorábel.

Tanto Lourdes coma min, pensamos que a reunión foi moi amena, porque a conversa fluiu en todo momento, así é que quedamos con ganas de máis.







20 de novembro de 2018

III CONCURSO DE CHÍOS #MacíasSenViolencia

Animádevos a participar!


Tendes as bases no seguinte enlace Bases do concurso

7 de novembro de 2018

UN TEXTO, UNHA EMOCIÓN

A pasada semana pasada o Club de Lectura para o alumnado de reforzo, que conduce Ana Pose, comezou o ciclo de lecturas deste mes. O tema? A  IRA. O texto sobre o que traballaron foi  A XUSTIZA POLA MAN, da nosa poeta máis querida: Rosalía de Castro. Parece que a reunión foi ben interesante, así é que si, estamos en racha!

Deixamos aquí unha das fotos tomadas durante a reunión:



 Velaquí este poema inmenso, tanto pola intensidade dramática de seu como polo seu carácter visionario. Rosalía foi quen de integrar a poesía social no seu traballo e denunciar o abuso dun sistema que oprimía, e oprime, a clase traballadora. O que podemos ler aquí non é outra cousa que a historia dun desafiuzamento, algo que está a acontecer, tirstemente, a día de hoxe en moitas familias

 Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Rosalía de Castro.