19 de decembro de 2018

18 de decembro de 2018

Clubs de lectura _Decembro

Felices de despedir este primeiro trimestre con todos os nosos corazóns lectores xunto á árbore de Nadal que preside este mes a biblioteca!!!


Grazas mil por este tempo compartido!!!

 

 



12 de decembro de 2018

NOVIDADES NA BIBLIOTECA

Dende o poder das palabras de Safo ....

Me parece un igual a los los dioses
el hombre que se sienta enfrente de ti
y te escucha de cerca cuando hablas
con ternura

y cuando ríes seductora. Entonces
el corazón me tiembla dentro del pecho,
pues en cuanto te miro no me sale
ni un hilo de voz,

la lengua se me traba y un sutil
fuego me corre por debajo de la piel,
mis ojos no ven nada y los oídos
me retumban,

el sudor se me vierte por encima, se adueña
de mí el espanto, estoy más pálida
que la hierba y me parece
que voy a morirme.

Pero hay que atreverse a todo, porque...


....  ata a potencia do que escribe Aldao en "Todo isto antes era noite".

Celebramos este seu primeiro libro, porque queriamos vela en papel dende hai tempo. Unha vez que o temos diante, a sensación de atopala nos textos e poder reler todo aquilo que nos marabillou na súa boca provoca estrañeza. É unha sensación puntual que esmorece ao cabo dun par de minutos.

A idea de levala connosco no bolso e poder botarlle un ollo en calquera momento faise ben sedutora. É coma se puidésemos habitala, facernos coa súa voz e roubarlla...  E mira que sabemos que, como diría dicía Emily Dickinson, "non hai que querer atrapar a volvoreta", pero nada. Aldao pode con nós. Lévanos polo mal camiño. E como nos gusta!

Velaquí o fragmento inicial dun dos nosos textos favoritos, para que vaiades facendo boca:

"Foron os teus ollos os que entraron na miña casa empuñando fachos.
Creouse así esa luz fermosa e falsa que manipula a realidade
cando cae o sol
e cae de pé
e todo o que molesta ti apartábalo con pequenas patadiñas
ata afeitarlle ó cuarto a súa longa melena de anos de despiste.
Velaquí a fórmula da infiel:
facer do desexo o valente termo que enche a boca das covardes.
Quen me dese equivocarme.
..."


Eis outras novidades interesantes! Coma esta que vedes abaixo:



 Ou estoutras!!




De entre todo este verxel de libros amados, destacamos este: 


Destacámola, porque nos interesa o seu discurso, esa voz que xa nos seduciu co seu Seique, e que agora regresa neste libro para poñer luz na sombra, abrir a caixa de pandora e sandar algunhas feridas que dormen no espazo do silencio, nesa intimidade tan nosa, habitada por segredos que berran dende o máis profundo das nosas chagas: "(...) aquilo que todo o mundo conhece mas ningém diz, por calado."

Eu conto? Ti contas? E se todas contásemos? " Susana Aríns teno claro: "aquilo que acontece dentro de nós e só é sabido se verbalizado". Nisto, a autora recolle un pouco a idea de Sartre, pon o foco no que lle interesa facer visíbel. Sabe que "se taire", calarse, ficar en silencio, é tamén falar. O que calamos revela algo de nós, deixa ver o que nos inquieta, o que tememos, ou o que, por intereses propios, preferimos/eliximos non mencionar. "Se taire ce n'est pas être muet, c'est réfuser de parler, donc parler encore..." (Sartre)

CALARSE É SEGUIR FALANDO. Esa é a idea. Por iso Susana abre o silencio polo seu centro e nos ofrece este libro, porque hai algo importante que nos quere dicir, algo que, en ocasións, aparece en versos coma estes, malia non ser este un libro de poemas. Nós decidimos partillar convosco aquí, neste espazo virtual, un deses poemas que atopamos neste libro de Susana. Velaquí o tendes:

                              road movie
                         e na volta da curva
                         um ramalhete
                         quatro cravos
                         marcando modernas
                         valas comuns
                         na berma da estrada
                        cascalhos metálicos
                        trauma cranioencefálico
                         25 anos as tuas amizadesnao te esquecem


11 de decembro de 2018

Club de lectura - Decembro

CLUBS DE LECTURA ÁGORA

DÍA :       18 DE DECEMBRO

LUGAR:    BIBLIOTECA DO IES MACÍAS O NAMORADO


HORA:     15:15



" Soños. Arquivos. Cartas " é unha obra experimental e aberta que entra en diálogo co diario poético e co xénero epistolar, explorando os puntos de xuntura entre estas dúas modalidades de escrita. Fronte á tradición que ve no poema o reino da expresión subxectiva, o libro sostén que a poesía é un xeito privilexiado de apertura aos outros.










Penúltimas tendencias, Carlos Negro

Este é un libro de versos que rompen as costuras do silencio; un albúm secreto para todas aquelas mozas que procuran una fenda nos valos, máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas; un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo.



5 de decembro de 2018

UN TEXTO, UNHA EMOCIÓN

O venres 30 de decembro reuniuse o Club de Lectura de Ana Pose -Un texto, unha emoción- para comentar o poema de Pablo Carvajal titulado "En manos de la ira". A idea foi a de se adentrar nesa emoción que estala de socato por algunha razón concreta, pero que, malia nós o querer, non sempre somos quen de identificar. Por que nos enfadamos?; de que maneira manifestamos esa ira?; que outro xeito temos de a canalizar para eliminar a violencia que implica?... Alén deste tipo de custións, a lectura do poema de Carvajal deu tamén pé a un xogo literario que consistiu na creación de sinestesias.  "Ira perfumada con ruídos salgados para o noso asombro" foi unha das nosas favoritas!




3 de decembro de 2018

Biblionamorad@s 2018


NADAL EN BIBLIONAMORAD@S


Grazas a Aldara, Nerea, Rocío, Ángel, Carla e Esther xa temos montada a nosa árbore de libros para celebrar o Nadal 2018 en Biblionamorad@s!


Sodes xeniais!!!


30 de novembro de 2018

ENCONTROS CON IRIA VEIGA RAMOS

O pasado martes, 27 de novembro, Iria Veiga Ramos veu ao noso centro para falar co alumnado de 4º ESO e 1º BAC sobre intelixencia artificial e intervención xenética. Este encontro tivo lugar na Biblioteca
a 3ª hora, despois de termos visto o filme GATTACA nas dúas primeiras horas de clase.

Foi moi interesante todo o que escoitamos nesa charla, da que aprendemos todas as persoas presentes. Non unicamente o alumnado de ciencias, que era a quen ía dirixida a charla. Tamén ás profesoras de Bioloxía, Matemáticas e Galego que decidiron acompañarnos e darnos, polo tanto, todo o seu apoio.

Ben, alén dos agradecementos ás profesoras que si nos acompañaron, queremos suliñar o que máis nos interesou do encontro con  de Iria. Referímonos ao tema dos tranxénicos, da posíbel prolongación da vida, e, por riba de todo, da intervención xenética en humanos. A verdade é que todos estes temas darían para outra hora máis, como aseguraron moitas alumnas ao remate. Isto de quedar con ganas de máis é un moi bo síntoma. Nós interpretámolo coma un medidor do interese, que nos permite determinar a satisfacción que sentiu o alumnado coa actividade. Estamos contentas!




29 de novembro de 2018

Club de lectura - Novembro

O pasado martes 27 de novembro, os nosos corazóns lectores non faltaron a súa cita cos libros; os máis nov@s coa poesía de Fran Alonso, e os veteran@s coa novela de María Solar.


Sentir a punta dunhas tesoiras
apertando na gorxa.
Sentir un globo de nada
inchando o ventre.
Sentir que todo dá voltas
moito máis rápido
do que os meus ollos
poden seguir.
Sentir a miña respiración acelerada
na negrura viscosa da escuridade.
Sentir o meu pulso disparado
e tolo
sen poder evitalo.

O medo.






Os nenos da varíola

"Baseada na historia real dos 22 nenos orfos da expedición Balmis que levaron no seu corpo a vacina da varíola a América"

Biblionamorad@s 

28 de novembro de 2018

INVISIBLES, DE MONTSE FAJARDO





O xoves, 23 de novembro, Montse fajardo veu visitar o noso centro para falar co alumnado de 4º ESO e 1º BAC sobre o seu libro INVISIBLES. Este encontro foi organizado polo Departamento de Normalización Lingüística coa idea de poñer enriba da mesa un tema moi grave: a violencia contra as mulleres.

Matilde Pena, a coordinadora de Normalización, escolleu este libro entón non só polo tema que aborda, como podería parecer de entrada. Tamén, e moi importante, porque os relatos son reais. As mulleres das que escribe Montse existiron e padeceron a violencia das súas parellas. Dende a Biblioteca entendemos que o Equipo de Normalización quixo facer visíbel que un tema tan grave coma este, do que se ten falado tanto en todos os medios de comunicación, non desaparece, entre outras cousas porque, á hora da verdade, poucas persoas ousan denunciar o seu veciño, pai, tío ou colega. Por esta razón, as nosas amigas, nais, curmás, veciñas non sempre atopan o apoio social que precisan e fica na máis absoluta INIVISIBILIDADE, vitimizadas e soas. Que esta violencia que se produce no espazo íntimo é unha cuestión política e social que nos afecta a todas e todos, é algo que aínda temos que aprender a levar á práctica para non sermos cómplices. Fajardo falou disto, deste silencio que converte en INVISIBLES os maltratadores. Quen son?; como se chaman?; onde viven?

O alumnado estivo moi atento e manifestou grande interese polo que relatou a autora durante a charla. Fixeron pois moitas preguntas, algo que nos agradou, porque se xerou unha conversa moi arriquecedora para toda a comunidade educativa. Dende a biblioteca aplaudimos esta actividade!


22 de novembro de 2018

R2D2 Y EL CABALLERO DE LA TRISTE FIGURA

Hoxe, o noso alumnado de 1º e 2º da ESO asistiu á representación dunha libre versión de Don Quijote en singular duelo teatral con R2D2 (¡Arturito!), da man do actor arxentino Ricardo Frazer.

 

 





Convidamos ao noso alumnado a disfrutar das distintas versións desta obra, pertencente á literatura universal, que temos na nosa biblioteca.

BIBLIONAMORAD@S ESPAZO LIBRE DE VIOLENCIA DE XÉNERO



CLUBS DE LECTURA ÁGORA - NOVEMBRO


CLUBS DE LECTURA ÁGORA

DÍA :                27 DE NOVEMBRO

LUGAR:            BIBLIOTECA DO IES MACÍAS O NAMORADO

HORA:              15:15


                  
A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca.












Street Poems, Fran Alonso


       

      Este é un libro de poemas inconformistas, críticos, gamberros e combativos; disparos de graffiti que poderían ser escritos nos muros e rapeados con pintura nas paredes, seguindo a estela da arte na rúa, un libro que procura espazos de confluencia entre as artes plásticas e a poesía.

21 de novembro de 2018

CLUB DE LECTURA DE PROFES


Este martes, 20 de novembro, tivemos a primeira reunión do Club de Lectura de profes sobre o último libro de María do Cebreiro: Soños. Arquivos.Cartas.



A experiencia foi gratificante porque axiña se xerou unha interesante conversa sobre os diversos eixos temáticos que percibimos no libro. Falamos entón da presencia do corpo como territorio político e textual no que agroman o pracer e a dor. Pareceunos atraente a visión do amor da poeta, así é que, por exemplo, Lourdes leu en alto un poema enteiro que lle encantou e que di así:





M. (4)/ E

"Hai nomes que queiman os dedos cando escribo, aínda que me deteña na inicial.


A xente fala de superar a dor pero ningunha dor verdadeira se supera. Limítaste a enterrala e logo esperas a que floreza como florece a flor branca das patacas.

O tempo cura porque mata.

Unha remolacha non é unha pataca. Ábrela e sangra nas túas mans, como sangraría o teu corazón se cho arrincasen. "


Despois da lectura deste poema, Rosa citou un verso de María sobre o amor que sintetiza perfectamente a visión da poeta sobre este sentimento que tanta importancia ten nas nosas vidas.Velaquí o verso en cuestión:

"E eu aprendín dunha vez que o amor non era eterno senón infinito"

Despois desta cuestión, a profesora de Arte e Xeografía, Mar, falou das feridas do corpo, da dor en contraposición á ledicia, que, inferimos entre todas, pode ser, en parte, construída por nós, sempre que o contexto non sexa demasiado desfavorábel.

Tanto Lourdes coma min, pensamos que a reunión foi moi amena, porque a conversa fluiu en todo momento, así é que quedamos con ganas de máis.







20 de novembro de 2018

III CONCURSO DE CHÍOS #MacíasSenViolencia

Animádevos a participar!


Tendes as bases no seguinte enlace Bases do concurso

7 de novembro de 2018

UN TEXTO, UNHA EMOCIÓN

A pasada semana pasada o Club de Lectura para o alumnado de reforzo, que conduce Ana Pose, comezou o ciclo de lecturas deste mes. O tema? A  IRA. O texto sobre o que traballaron foi  A XUSTIZA POLA MAN, da nosa poeta máis querida: Rosalía de Castro. Parece que a reunión foi ben interesante, así é que si, estamos en racha!

Deixamos aquí unha das fotos tomadas durante a reunión:



 Velaquí este poema inmenso, tanto pola intensidade dramática de seu como polo seu carácter visionario. Rosalía foi quen de integrar a poesía social no seu traballo e denunciar o abuso dun sistema que oprimía, e oprime, a clase traballadora. O que podemos ler aquí non é outra cousa que a historia dun desafiuzamento, algo que está a acontecer, tirstemente, a día de hoxe en moitas familias

 Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Rosalía de Castro.




31 de outubro de 2018

NUMAX NA ESCOLA: TÓDALAS MULLERES QUE COÑEZO


O luns, 29 de outubro, fomos a NUMAX co alumnado de 4º ESO e 1º BAC para ver o filme de Xiana do Teixeiro "Tódalas mulleres que coñezo". A experiencia foi ben interesante, porque o documental de Teixeiro afonda nun tema de grande interese a día de hoxe: a violencia contra as mulleres.

Xiana dá voz entón a un grupo de mozas que conversan na terraza dun bar sobre este asunto. Cada unha delas conta o que lle pasou e como se sentiu despois. Todas aseguraban, obviamente, sentirse inseguras nas rúas polas noites, por exemplo, porque sempre hai algún "baboso" -dicían- que xera tensión e incomodidade.
A verdade é que este filme debería pasarse en todos os institutos.


CLUBS DE LECTURA DE OUTUBRO

Onte, 30 de outubro, os clubs de lectura da ESO e de Bacharelato disfrutamos do primeiro encontro do curso.

Disfrutamos de reanudar unha actividade tan gratificante; xa tiñamos ganas de reencontrarnos cos nosos corazóns lectores!





A rapazada de 1º estivo comentando coa profesora Isabel Mouriño o cómic de Asterix e Cleopatra. Aproveitando que temos a película na Biblioteca, tamén visionaron uns minutos para comparar os dous formatos nos que se pode atopar a historia.


Os maiores estiveron comentando coa súa profesora, Lourdes Lema, 22 segundos de Eva Mejuto, novela que suscitou bastante debate sobre un tema tan sensible como é o da transexualidade. Tamén visionamos un corto titulado  Vestido Nuevo, un corto trans infantil que mostra unha escena que pode desencadenarse en calquera momento na escola actual.

24 de outubro de 2018

DÍA DE GARCÍA LORCA EN GALICIA

Neste 2018 cúmprense 120 anos do nacemento do escritor e cen anos do seu primeiro libro, Impresiones y paisajes e; por iso, desde o Concello de Santiago toman a iniciativa da declaración do 25 de outubro como ‘Día de García Lorca en Galicia’ tras unha campaña iniciada pola Editora Alvarellos e, nomeadamente, polo seu director, Henrique Alvarellos que quixo resaltar que Compostela é a cidade “máis lorquiana en Galicia”.

Lorca, quizais un dos poetas máis grandes de todos os tempos, decidíu escribir na nosa lingua. Coñeceu a poesía de Rosalía de Castro e publicou Os Seis Poemas Galego; a publicación en galego con maior proxección internacional. “Llevo a Galicia en el corazón” chegou a recoñecer nunha entrevista en 1933. Unha declaración de amor por unha terra e por unha cultura.

Fonte:  https://nostelevision.gal/compostela-celebrara-o-dia-de-garcia-lorca-en-galicia/


Na Biblioteca están dispoñibles varias obras de Federico García Lorca, pero mañán, sumándonos á homenaxe que lle adica o Concello de Santiago, situaremos nun lugar sinalado OS SEIS POEMAS GALEGOS.


 
 


























 Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago,lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.



DÍA DA BIBLIOTECA

FELIZ DÍA DA BIBLIOTECA!!!!



NUMAX NA ESCOLA

O vindeiro luns, 29 de outubro, CINERÁGORA visita a Sala NUMAX para participar no programa NUMAX NA ESCOLA.

Estamos con moitas ganas de que chegue o día porque o filme pinta xenial! Trátase do documental de Diana do Teixeiro: TÓDALAS MULLERES QUE COÑEZO. A directora galega aborda o tema da violencia contra as mulleres neste país. A idea é amosar o desequilibrio social. Poderemos escoitar a conversa dunhas mozas sobre a sensación de incomodidade, ou mesmo acoso, que senten en situacións cotiás, tanto no entorno laboral como no espazo educativo. A cousa promete!

http://www.cinemaldito.com/todalas-mulleres-que-conezo-xiana-do-teixeiro/