21 de marzo de 2013

A Botica das Palabras. Crea o teu micropoema

Para celebrar o Día da Poesía, o IES Macías o Namorado propón que vos deades unha volta pola botica que durante toda a semana está a vosa disposición na biblioteca con variados remedios que podedes ler nos envases (para o mal de amores, para os luns, para a alerxia primaveral...) e dentro dos cales atoparedes a mediciña: os poemas que sanan
Ademáis, se queredes participar no concurso que vos propoñemos, ollade o que segue:

 En cada un dos envases atoparás un poema que ten unha ou varias verbas resaltadas. Con todas ou algunha das verbas que atopes crea un breve poema (micropoema), escríbeo aquí e deposítao na nosa caixa botiquín.
Atoparás palabras en galego e castelán, que poderás traducir para escribir o poema en calquera das dúas linguas. Tamén podes modificar algo as palabras (os tempos verbais, o xénero, o número, etc...)e engadir nexos e determinantes.
Os mellores poemas recibirán un agasallo sorpresa.  
 


              

7 de marzo de 2013

Goretti Sanmartin: Muller e Lingua


Profesora titular de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña e directora do Servizo de Normalización Lingüística de dita universidade, Goretti Sanmartín falou para o alumnado de bacharelato e outos niveis sobre o emprego do galego, desigual entre homes e mulleres, os motivos que poden estar na orixe do feito, e os estereotipos que a sociedade segue a ter sobre os falantes da lingua galega e os da lingua castelá. 
Asegurou que a muller, nos casos de bilingüísmo, emprega menos o galego que os homes, e que hai unha franxa de idade, que di estar entre os 20 e os 45, na que se aprecia este feito moito máis. 
Citando a varios escritores e escritoras, constatou esta afirmación facendo fincapé en como nas súas obras xa insistían na chamada ás mulleres para que empregaran o galego como lingua habitual; o que, según a profesora, evidencia que os homes, que non son interpelados, si a utilizaban.

Á exposición seguiu un pequeno coloquio no que os asistentes puideron preguntar e comentar as súas opinións.