8 de novembro de 2017

Club de lectura ÁGORA - Novembro

       O martes, 28 de novembro, celebraremos a segunda reunión dos clubs de lectura ÁGORA.
Coma a vez anterior, xuntarémonos na Biblioteca do centro ás 15:15.
      O alumnado de primero e segundo, coordinado pola profesora Anabel, comentará o libro de Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno.
      Despois dunha longa estadía en Quebec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.

 
   


      As rapazas e rapaces de 4º e de 1º de Bacharelato, acompañados pola súa profesora Lourdes, farán o mesmo, pero co libro de Eli Ríos, Luns.

     Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día. " Luns " , gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.
Contamos con vós!

Ningún comentario: