28 de novembro de 2018

INVISIBLES, DE MONTSE FAJARDO





O xoves, 23 de novembro, Montse fajardo veu visitar o noso centro para falar co alumnado de 4º ESO e 1º BAC sobre o seu libro INVISIBLES. Este encontro foi organizado polo Departamento de Normalización Lingüística coa idea de poñer enriba da mesa un tema moi grave: a violencia contra as mulleres.

Matilde Pena, a coordinadora de Normalización, escolleu este libro entón non só polo tema que aborda, como podería parecer de entrada. Tamén, e moi importante, porque os relatos son reais. As mulleres das que escribe Montse existiron e padeceron a violencia das súas parellas. Dende a Biblioteca entendemos que o Equipo de Normalización quixo facer visíbel que un tema tan grave coma este, do que se ten falado tanto en todos os medios de comunicación, non desaparece, entre outras cousas porque, á hora da verdade, poucas persoas ousan denunciar o seu veciño, pai, tío ou colega. Por esta razón, as nosas amigas, nais, curmás, veciñas non sempre atopan o apoio social que precisan e fica na máis absoluta INIVISIBILIDADE, vitimizadas e soas. Que esta violencia que se produce no espazo íntimo é unha cuestión política e social que nos afecta a todas e todos, é algo que aínda temos que aprender a levar á práctica para non sermos cómplices. Fajardo falou disto, deste silencio que converte en INVISIBLES os maltratadores. Quen son?; como se chaman?; onde viven?

O alumnado estivo moi atento e manifestou grande interese polo que relatou a autora durante a charla. Fixeron pois moitas preguntas, algo que nos agradou, porque se xerou unha conversa moi arriquecedora para toda a comunidade educativa. Dende a biblioteca aplaudimos esta actividade!


Ningún comentario: