16 de xaneiro de 2019

CINERÁGORA

Este luns, 14 de xaneiro, o alumnado do noso CINERÁGORA acudiu a Numax para ver Les 400 coups, de François Truffaut. Consideramos a experiencia ben interesante, porque, malia  a dificultade que supuxo o  visionado en VOS deste clásico da Nouvelle Vague -presentado en Cannes en 1959-,  xerou a reflexión e reaccións que, en certo xeito, buscabamos. Algunhas alumnas, que asisten as sesións de CINERÁGORA e están, polo tanto, afeitas a ver filmes singulares, aportaron observacións  non só sobre o contido, mais tamén ao respecto das propias imaxes. Neste sentido, as nosas cineclubistas mencionaron o efecto que provocou nelas contemplar imaxes en branco e negro, así como esa cámara que segue a Antoine polas rúas coa luz natural sen que aconteza gran cousa, algo que forma parte desa estética da Nouvelle Vague da que falaremos o vindeiro luns 21 pola tarde antes de vermos DOGVILLE, de Lars Von Trier.

O alumnado menos afeito a ver filmes independentes sentiuse, talvez, algo abrumado, pero no CINERÁGORA consideramos esta reacción moi interesante tamén. Entendemos que a incomodidade e a sorpresa forma parte do proceso que os conducirá a unha certa emancipación intelectual. Daquela, o noso balance é moi positivo. Proba superada!!


Volveremos a Numax na 3ª Avaliación!

Ningún comentario: