30 de xaneiro de 2019

ENCONTRO CON MDC

SOÑOS. ARQUIVOS. CARTAS.




Envolvente. A conversa polo skype con María do Cebreiro foi ilustrativa para o alumnado e moi estimulante para as profesoras que traballamos na Biblioteca. A poeta situouse nun lugar moi próximo. Falou do seu libro adentrándose nas emocións, sentimentos e reflexións que o propiciaron con total franqueza. Nós agradecemos esta actitude aberta e agarimosa da autora, porque conseguiu que o seu discurso chegase ás rapazas e rapaces. Non só ás/ós que forman parte do Club de Lectura Ágora, mais aquelas e aqueloutros de 4 º ESO que tamén estaban convidadas/os ao encontro. Tanto é así que, unha vez rematada charla, algunhas alumnas decidiron levar SOÑOS. ARQUIVOS. CARTAS. para ler na casa.

A calidez de María conseguiu pois tocar os corazóns adolescentes. Isto non nos soprende en absoluto, porque sabemos que ten as aulas repletas na Facultade, onde imparte Teoría da Literatura ante un alumnado poucos anos maior do que o noso.

Tanto Lourdes coma min, gostamos moito deste poemario. Entendemos que a lectura desas reflexións sobre as teimas da humanidade, dende o principio dos tempos, atraparán á comunidade lectora. Non só polo contido, que consegue afectarnos -todas estivemos nalgún intre da nosa vida nese lugar dende o que María escribe- mais polo enfoque dos textos, sen dúbida contemporáneo, algo que consegue ao colocar a voz poética ao mesmo nivel do público lector. María non dita sentencias, propón, pregunta, reflexiona de xeito aberto para nós, porque considera que, talvez, poida servirnos de axuda algo do que alí figura escrito.



"Es ti a salvaxe -escribe, na páxina 59, e continúa-. Cando escoitas o tradutor dicir que o corpo da túa poesía é feminino, entendes que o tradutor comprendeu o poema pero non o corpo". Interesante esa visión entón do corpo como algo que somos e non unicamente como continente. Tal xeito de contemplar a nosa corporeidade abre o campo do pensamento e multiplica as posibilidades expresivas. Máis do 60% do que transmitimos aos demais procede dos nosos acenos, posturas corporais, olladas, risos...

Sabemos cousas do outro, malia non telo tocado nunca. Como infravalorar unha linguaxe tan poderosa? Non me sorprende que María escriba algo como isto: "A vocación do lume é confundir a forma e a materia", ou estoutro: "Hai conversas que duran toda a vida e hai encontros que fan que a vida se deteña." Leva razón e concordamos con ela ao respecto desa vivencia interior do tempo, porque a duración xorde da subxectividade. É ben interesante observar o que sucede nese lugar do tempo e non quedarse aí dentro.

Agradecemos tamén inmenso un verso fascinante dun poeta en formación -foi alumno de MDC- e do que non sabemos o nome, pero que, como ela mesma nos explicou, é dunha pureza insólita nestes tempos. Transcribo aquí o devandito verso que figura nun poema deste libro de María: "Mi nombre se muere de hambre cuando tú lo pronuncias" Aí queda iso!



Ningún comentario: