22 de febreiro de 2019

A VISITA DO AQUEL-E


Este é o AQUEL-E!!!!


Eis o noso youtubeiro favorito, que, grazas ás profesoras de Galego, acudiu ao centro para conversar do divino e do humano co alumnado de 4 º ESO.  Este mozo, coñecido como AQUEL-E, conectou facilmente co grupo, porque os temas que puxo enriba da mesa resultaron moi atraentes. No seu discurso puxo en valor o interese do contido banal como simple entretemento, algo co que concordamos, xa que sabemos, coma el, que hai momentos para todo. Algunhas veces apetece vivir experiencias intensas, outras unicamente queremos rir. No entanto, de que rimos habitualmente? Díficil responder a isto, a verdae. Depende das persoas. O que si podemos considerar unha certeza é  que todas e todos amamos rir, comunicármonos, e DESFRUTAR DA LEVIDADE DA VIDA, isto é, daquelas cousas superficiais que nos permiten certa evasión.

O AQUEL-E, na súa defensa dese contido banal que se atopa nas redes sociais, ou na televisión, cine e plataformas dixitais como NETFLIX, fixo visíbel algo importante: o descoñecemento de certo tipo de contido banal e CONTEMPORÁNEO que se fai en galego. Daquela, estabeleceu comparacións ben reveladoras deste silenciamento, que, dende os medios de comunicación, se fai coa produción musical, cultural, e, por suposto, banal que EXISTE NA NOSA LINGUA. Daquela, por medio de preguntas, amosou como a maioría do alumnado coñece á cantante Rosalía e o seu labor de "revisión" do flamenco para adaptalo a formas de expresión musicais contemporáneas, mais só unha alumna sabía da existencia de MERCEDES PEÓN, que leva moitos anos mesturando o folk galego con outros ritmos, alén de ter recollido xa unha morea de premios polo seu labor excepcional.


Interesante tamén o que explicou sobre a AUTORREPRESENTACIÓN, isto é, de como nos vemos, retratamos e interpretamos as galegas e galegos. Somos esa Galiza rural na que tanto se incide en programas como Land-Rober?; Ata cando imos perseverar nesa visión anacrónica do paisano incauto que acode á vila e actúa dun xeito torpe? Esta cousa de facer fincapé na brusquedade da xente das aldeas non revela moita capacidade de sorpresa por parte dos/das guionistas dese programa. A realidade é ben máis ancha. Sería moito máis construtivo retratar a outra Galiza, a que vive nas aldeas e escoita rap, fai vídeos, debuxa cómics, forma parte de grupos de teatro, é youtuber, como
o AQUEL-E etc etc

Dende a Biblioteca agradecemos ás profesoras de Galego -Isabel Mouriño e Carmen Saborido- que nos agasallasen con esta actividade. Pareceunes estimulante e moi fresca. O que máis nos gustou foi que lograse colocar o alumnado noutro lugar, O DA AUTOCRÍTICA, pois se perseveramos en burlarnos da torpeza da xente das aldeas, non podemos despois laiarnos de que só se coñeza da nosa terra o típico: o marisco, as praias, as vacas e a gaita. Somos iso e moito máis.

Somos Mercedes Peón, Susana Seivane, ROSALÍA DE CASTRO, Pondal, Cunqueiro, Berrogüetto, Ugia Pedreira, Teatro Chévere, Oliver Laxe, Carla Andrade, Antía Moure, Lois Patiño, Vari Caramés...

Somos tamén O LEO, DAS KAPITAL, DIOS KE TE CREW,  som do galpón, Non Residentz, Malandrómeda...





20 de febreiro de 2019

ENTREGA PREMIOS CHIOS DE AMOR CONTEMPORÁNEO

Finalmente entregáronse o luns os premios ás persoas gañadoras.


Velaquí está o noso servizo especial de Cupidos -Catuxa e mais Paula, de 1º BAC-, despois de lle entregar o premio as flamantes gañadoras:

Aldara Hernaiz, que levou o 1º Premio e Sofía Jamardo, que levou o 2º Premio.

Falta nas fotos Álvaro Hernaiz, que levou o 3º Premio, pero que o día da entrega non vira ao centro.

Lourdes Lema, Mercedes Gamardo e eu estamos moi contentas co resultado deste Certame de Chíos de Amor Contemporáneo e queremos agradecer ao noso alumnado a súa colaboración.



CINERÁGORA: O RESPLANDOR

CINERÁGORA: O RESPLANDOR



O luns 18 de febreiro, na nosa sesión do CINERÁGORA, continuamos co Ciclo de Terror. Nesta ocasión vimos O RESPLANDOR, de Stanley Kubrick (New York, 1928- Londres, 1999)

THE SHINING -eis título orixinal da fita- foi realizada en 1980 por Kubrick e protagonizada por Jack Nicholson, un actor de carácter, Shelley Duvall, cuxos primeiros planos son memorábeis para a Historia do Cinema, Danny Lloyd e Scatman Crothers. Esta terrorífica  historia está baseada nunha novela homónima de Stphen King, publicada no 1977.


A verdade é que o visionado resultou moi interesante para o alumnado que integra o noso cineclub e deu lugar a unha boa conversa. Martín Bello resaltou unha imaxe que lle chamou a atención e que asegurou non comprender. Isto levounos a falar da linguaxe cinematográfica, que ten forza suficiente para non precisar sempre de palabras coas que transmitir mensaxes ou sensacións.

Velaquí a imaxe en cuestión:



Entre todas intentamos descifrar o significado da devandita imaxe, que, dada a recorrencia de seu, constitúe un elemento determinante para o texto fílmico. Concordamos en que é unha hipérbole que, obviamente, fai referencia á violencia brutal dun crime cometido nese hotel, onde estaba hospedada a familia, anos atrás. Digamos que, ao xeito da ironía tráxica do teatro barroco, Kubrick se valeu desta hipérbole como "aviso" de algo terríbel. Non só para quen ten esa visión -o neno-, mais tamén para o propio público. Outros dos aspectos do filme que comentamos foi o travelling empregado para filmar o cativo dende atrás mentres percorría os corredores do hotel baleiro co seu triciclo, alén da presencia bastante frecuente de nenos e nenas neste tipo de filmes.
Puidemos comprobar isto xa coa peli anterior, A PROFECÍA e agora con O RESPLANDOR.
O mesmo acontece en POLTERGEIST ou QUEN PODE MATAR UN NENO? , entre tantas outras. A causa disto? Pensamos que esta presencia infantil favorece a tensión dramática da historia.

O equipo da biblioteca considera as sesións de medo do CINERÁGORA moi estimulantes, así é que a profesora que o leva decidiu continuar un tempo máis co Ciclo de Terror.
A vindeira sesión veremos entón ALIEN: O OITAVO PASAXEIRO.

Velaquí estamos @s cineclubist@s!




19 de febreiro de 2019

CLUBS DE LECTURA ÁGORA



DÍA :                26 DE FEBREIRO
LUGAR:            BIBLIOTECA DO IES MACÍAS O NAMORADO
HORA:              15:15





Catro rapaces inician as súas vacacións na illa de Ons.

Mais o primeiro día, un arrepiante descubrimento na praia convertirá o seu verán nunha aventura trepidante e inesquecible …









 «as vidas não começam ao
nascermos. nem são acabadas
na morte. nada de rios que vão a
mares que são o morrer. já
alguém o escreveu algures. as
vidas são vidas quando
nomeadas e faladas e ditas. há
quem deixa pegadas na poeira
dos caminhos durante anos até a
vida chegar por fim. há pessoas
que nascem mortas. ninguém diz
delas. eis a importância da
memória. de dar espaço aos
nomes e aos factos (...) para que
as pessoas queridas existam,
sejam, tenham vida. porém, há
pessoas também, que teimam em
não terem sido (...) elas não quiseram ter vida, não quiseram memória.
porque as escrevemos, então? porque não são dignas de anonimato (...)
porque causaram dor e terror, medo e morte. porque foram más. e
poderosas»


 Animádevos a participar!!!!
biblionamorad@s



14 de febreiro de 2019

FALLO DO I CERTAME DE CHÍOS DE AMOR CONTEMPORÁNEO

O xurí do premio reuniuse na Biblioteca no segundo recreo da mañá do xoves 14 de febreiro para decidir os chíos gañadores. O fallo é o seguinte:


1º Premio: @Alldaawaa

2º Premio: @jamardo_sofia

3º Premio: @payasin_84


Moitas grazas pola vosa participación e parabéns @s premiad@s!!!


A próxima semana serán entregados os premios polo noso servizo especial de Cupidos.

13 de febreiro de 2019

UN TEXTO, UNHA EMOCIÓN: O MEDO

O pasado venres, o alumnado que participa no Club de Lectura que coordina Ana Pose -UN TEXTO, UNHA EMOCIÓN- leu en voz alta un relato de Ferrín: O Suso. Nesta ocasión, como poderedes observa nas imaxes, o recitado desta historia fíxose coa luz apagada, así é que a única iluminación permitida para poder ler, foi unha lanterna. Sabemos que o pasaron ben e non nos sorprende!

O Equipo da Biblioteca agradece a profesora Ana Pose o seu traballo, realizado sempre con delicadeza e entusiasmo. Non nos estraña que teña tantas nenas e nenos no seu Club de Lectura!!

CINERÁGORA: CICLO DE TERROR



Este luns, 11 de febreiro iniciamos no CINERÁGORA un Ciclo de Terror coa proxección de  
A Profecía -The Omen-, un filme de 1976 dirixido por Richard Donner, tamén coñecido por outras pelis ben interesantes da súa autoría como Os Gonnies (1985) ou a primeira realización para a pantalla grande de Superman: a película (1978).

Esta historia inquietante, con Gregory Peck e Lee Remick á cabeza, deixou un bo sabor de boca no alumnado que participa habitualmente no noso CINERÁGORA. Tanto é así que quedou con ganas de máis. Daquela, despois de comentar a devandita fita e aludir a outros filmes do xénero de terror -O proxecto da bruxa de Blair, Psicose, Seven, Quen pode matar un neno?, O coleccionistas de ósos, HIT etc-, decidimos que a proxima sesión veriamos O RESPLANDOR -The Shining- (1980), dirixida por un dos grandes xenios do cinema: Stanley Kubrick.

Dende a Biblioteca queremos dar as grazas ao noso alumnado por participar do noso amor polo Sétimo Arte e contribuír, co seu gran de area, a que o noso Proxecto Ágora deveña activo e faga da Biblioteca Escolar o que ten de ser: un organismo cultural vivo.

6 de febreiro de 2019

UN TEXTO, UNHA EMOCIÓN

As/os clubistas de Ana Pose continúan coa súa andaina lectora. Despois de pasar o mes de xaneiro coa empatía, inician febreiro con outra emoción: O MEDO

A nosa pretensión é facer visíbel que o medo é o contrario do amor. Non o odio, como podería parecer de entrada. Daquela, xera desconfianza, provoca fendas e rompe a harmonía. Estamos tan afeitas/os a vivir con el cargado ao lombo que nin nos decatamos do seu peso e de que este mina a nosa autoestima. Hai quen ten medo a perder o aprezo das compañeiras/os, así é que hipoteca a propia liberdade de expresión a cambio dunha aceptación social, que, talvez, non debería interesar tanto, principalmente porque adoita obedecer a intereses e non á afinidades e afectos. Outro dos medos que provocan moita anguria é o fracaso. Temos tanto medo a perder... Pero, perder o que? Se o pensásemos ben, poderiamos desdramatizar esta teima e repetir aquilo de "fracasaste siempre otra vez, fracasaste mejor...", que diría ironicamente o inmenso Marçal Font Espí... Se algún día todo pode esmorecer, é tan importante vérmonos no espello alleo?

Cal sería entón antídoto a esta emoción que tanto nos angustia? O AMOR, obviamente, mais a amar tamén se aprende. Daquela, implica certa dedicación, unha dedicación que esixe de nós atención, respecto e moito ENTUSIASMO. Xa sabedes: levar un deus dentro e darlle candela!

Ardede, ardede malditxs! :)

Velaquí unhas imaxes da reunión. 



Exposición LIBERTAS

 


O venres, 1 de febreiro acudimos á Fundación Camilo José Cela co alumnado de 1ª de Bacharelato para visitar a exposición LIBERTAS, presentada por dúas guías fantásticas: Nerea Hernández e Aldara Hernáiz.

Ambas as dúas alumnas déronnos a coñecer a proposta artística de Olegario Sampedro, que realizou esculturas, instalacións, imaxes fotográficas e pinturas inspiradas na obra de autoras e autores do noso país como M.X. Queizán, Margarita Ledo, Inma López Silva, Bieito Iglesias, Ferrín e Lorca, mais tamén de fóra como Orhan Pamuk, Mae Azango, Susana Chávez, Jude Dibia, Liu Xiaobo e Ángel Cuadra.

A visita pareceunos ben interesante, dado que o seu berce é a defensa da liberdade de expresión, e, polo tanto, a defensa dun dereito humano básico, que, malia parecer unha obviedade non o é tanto. Pénsese entón, como moi ben apuntou Sampedro na rolda de preguntas, na Lei Mordaza, que revela unha estreiteza de visión por parte da clase política que a promoveu. Neste sentido, Olegario explicou alí o alumnado expectante como as autoras e autores nos que se inspirou para realizar o seu traballo se implicaron, no seu día, na defensa dos dereitos humanos, e, xa que logo, na liberdade de expresión para DENUNCIAR AS INXUSTIZAS. Eis o caso de Mae Azango, por exemplo, famosa polas súas reportaxes nas que denuncia algo gravísimo: AS MUTILACIÓNS FEMININAS NO SEU PAÍS. Outro caso similar é o de Susana Chávez que leva anos intentando facer visíbeis os FEMINICIDIOS DE CIUDAD JUÁREZ.

A verdade é que nos pareceu moi interesante a proposta de Olegario Sampedro e a atención prestada ao traballo que as escritoras -poetas, cineastas, fotógrafas etc- realizamos na Galiza.