22 de febreiro de 2019

A VISITA DO AQUEL-E


Este é o AQUEL-E!!!!


Eis o noso youtubeiro favorito, que, grazas ás profesoras de Galego, acudiu ao centro para conversar do divino e do humano co alumnado de 4 º ESO.  Este mozo, coñecido como AQUEL-E, conectou facilmente co grupo, porque os temas que puxo enriba da mesa resultaron moi atraentes. No seu discurso puxo en valor o interese do contido banal como simple entretemento, algo co que concordamos, xa que sabemos, coma el, que hai momentos para todo. Algunhas veces apetece vivir experiencias intensas, outras unicamente queremos rir. No entanto, de que rimos habitualmente? Díficil responder a isto, a verdae. Depende das persoas. O que si podemos considerar unha certeza é  que todas e todos amamos rir, comunicármonos, e DESFRUTAR DA LEVIDADE DA VIDA, isto é, daquelas cousas superficiais que nos permiten certa evasión.

O AQUEL-E, na súa defensa dese contido banal que se atopa nas redes sociais, ou na televisión, cine e plataformas dixitais como NETFLIX, fixo visíbel algo importante: o descoñecemento de certo tipo de contido banal e CONTEMPORÁNEO que se fai en galego. Daquela, estabeleceu comparacións ben reveladoras deste silenciamento, que, dende os medios de comunicación, se fai coa produción musical, cultural, e, por suposto, banal que EXISTE NA NOSA LINGUA. Daquela, por medio de preguntas, amosou como a maioría do alumnado coñece á cantante Rosalía e o seu labor de "revisión" do flamenco para adaptalo a formas de expresión musicais contemporáneas, mais só unha alumna sabía da existencia de MERCEDES PEÓN, que leva moitos anos mesturando o folk galego con outros ritmos, alén de ter recollido xa unha morea de premios polo seu labor excepcional.


Interesante tamén o que explicou sobre a AUTORREPRESENTACIÓN, isto é, de como nos vemos, retratamos e interpretamos as galegas e galegos. Somos esa Galiza rural na que tanto se incide en programas como Land-Rober?; Ata cando imos perseverar nesa visión anacrónica do paisano incauto que acode á vila e actúa dun xeito torpe? Esta cousa de facer fincapé na brusquedade da xente das aldeas non revela moita capacidade de sorpresa por parte dos/das guionistas dese programa. A realidade é ben máis ancha. Sería moito máis construtivo retratar a outra Galiza, a que vive nas aldeas e escoita rap, fai vídeos, debuxa cómics, forma parte de grupos de teatro, é youtuber, como
o AQUEL-E etc etc

Dende a Biblioteca agradecemos ás profesoras de Galego -Isabel Mouriño e Carmen Saborido- que nos agasallasen con esta actividade. Pareceunes estimulante e moi fresca. O que máis nos gustou foi que lograse colocar o alumnado noutro lugar, O DA AUTOCRÍTICA, pois se perseveramos en burlarnos da torpeza da xente das aldeas, non podemos despois laiarnos de que só se coñeza da nosa terra o típico: o marisco, as praias, as vacas e a gaita. Somos iso e moito máis.

Somos Mercedes Peón, Susana Seivane, ROSALÍA DE CASTRO, Pondal, Cunqueiro, Berrogüetto, Ugia Pedreira, Teatro Chévere, Oliver Laxe, Carla Andrade, Antía Moure, Lois Patiño, Vari Caramés...

Somos tamén O LEO, DAS KAPITAL, DIOS KE TE CREW,  som do galpón, Non Residentz, Malandrómeda...





Ningún comentario: