20 de febreiro de 2019

CINERÁGORA: O RESPLANDOR

CINERÁGORA: O RESPLANDOR



O luns 18 de febreiro, na nosa sesión do CINERÁGORA, continuamos co Ciclo de Terror. Nesta ocasión vimos O RESPLANDOR, de Stanley Kubrick (New York, 1928- Londres, 1999)

THE SHINING -eis título orixinal da fita- foi realizada en 1980 por Kubrick e protagonizada por Jack Nicholson, un actor de carácter, Shelley Duvall, cuxos primeiros planos son memorábeis para a Historia do Cinema, Danny Lloyd e Scatman Crothers. Esta terrorífica  historia está baseada nunha novela homónima de Stphen King, publicada no 1977.


A verdade é que o visionado resultou moi interesante para o alumnado que integra o noso cineclub e deu lugar a unha boa conversa. Martín Bello resaltou unha imaxe que lle chamou a atención e que asegurou non comprender. Isto levounos a falar da linguaxe cinematográfica, que ten forza suficiente para non precisar sempre de palabras coas que transmitir mensaxes ou sensacións.

Velaquí a imaxe en cuestión:



Entre todas intentamos descifrar o significado da devandita imaxe, que, dada a recorrencia de seu, constitúe un elemento determinante para o texto fílmico. Concordamos en que é unha hipérbole que, obviamente, fai referencia á violencia brutal dun crime cometido nese hotel, onde estaba hospedada a familia, anos atrás. Digamos que, ao xeito da ironía tráxica do teatro barroco, Kubrick se valeu desta hipérbole como "aviso" de algo terríbel. Non só para quen ten esa visión -o neno-, mais tamén para o propio público. Outros dos aspectos do filme que comentamos foi o travelling empregado para filmar o cativo dende atrás mentres percorría os corredores do hotel baleiro co seu triciclo, alén da presencia bastante frecuente de nenos e nenas neste tipo de filmes.
Puidemos comprobar isto xa coa peli anterior, A PROFECÍA e agora con O RESPLANDOR.
O mesmo acontece en POLTERGEIST ou QUEN PODE MATAR UN NENO? , entre tantas outras. A causa disto? Pensamos que esta presencia infantil favorece a tensión dramática da historia.

O equipo da biblioteca considera as sesións de medo do CINERÁGORA moi estimulantes, así é que a profesora que o leva decidiu continuar un tempo máis co Ciclo de Terror.
A vindeira sesión veremos entón ALIEN: O OITAVO PASAXEIRO.

Velaquí estamos @s cineclubist@s!




Ningún comentario: