25 de febreiro de 2019

ROSALÍA DE CASTRO, FEMINISTA NA SOMBRA

Rosalía de Castro (1837-1885) é parte da nosa historia contemporánea. Esta poeta, narradora e pensadora colocouse nun lugar ben difícil, porque isto de escribir e ser muller implica sempre un risco grande. Poderiámola considerar patriota, pero iso sería reducir a súa complexidade intelectual a un único trazo, que foi o que se fixo durante anos dende o conservadurismo máis rancio. Poderiamos tamén facernos eco do sentimentalismo que se lle atribuiu ao seu traballo, como se considerou nos sectores máis críticos da Academia, aínda que tamén poderiamos, por exemplo, cualificar á súa obra  como "feminina" ou "mística" e deixalo aí para continuar así nunha liña claramente limitante. E xa, para rematar,  poderiamos mesmo "santificala", ou, moito peor, considerar que había nela algo "viril", como tamén se dixo, para xustificar un talento asombroso.

Carvalho Calero, dos máis modernos, dixo que a calidade da súa escrita non obedecía tanto ao feito de ser "muller varonil", mais de ter moita "humanidade". É curioso todo isto. Moito. Analizar con criterios morais unha obra literaria é absolutamente EMPOBRECEDOR. Do mesmo xeito que se fai ridículo entrar na súa vida privada para valorar esa "humanidade". Como se fose necesario ter sufrido moito para escribir. Non só sobre a dor, mais sobre todo o que apeteza escribir...

Nós consideramos INTERESANTE, NECESARIA E LIBERADORA a obra de Castro. Parécenos que contribuiu a conformar o noso corpus literario e estamos orgullosas de que sexa a Literatura Galega unha literatura cuxa figura fundacional, despois dos Séculos Escuros, está representada por unha muller. Daquela, concordamos con Pilar García Negro niso de que ela é a voz e intérprete princiapal desta nosa Historia da Literatura. Temos conta entón da súa defensa da terra, das xentes que a habitan, do idioma galego, e, por riba de todo, da defensa das mulleres, que é, como indica PGN algo "medular en toda a súa obra". Colocamos, xa que logo, enriba da mesa  A RADICALIDADE da súa voz e pensamento e o atrevemento para tratar temas ben polémicos e difíciles, non só nos textos literarios, mais tamén nalgúns dos seus artigos, como aquel no que falaba da "prostitución hospitalaria" .

"La imagen que transparece en sus cartas nos ofrece el retrato de una mujer enérgica, decidida, tan consciente del valor de su obra como distante de la pompa y gloria mundano-literarias. Que los seminaristas de Lugo amenacen con romper los cristales de la imprenta Soto Freire, en que la autora había de publicar un relato que ellos consideraban ofensivo y, en efecto, cumplan su amenaza, con lo que el cuento no fue publicado. Que, en las postrimerías de su vida, ella misma se tenga que
defender de haber tenido el atrevimiento de publicar un artículo sobre la prostitución hospitalaria...
"

"Rosalía de Castro, una feminista en la sombra" (Pilar García Negro)

O Equipo da Biblioteca está con Rosalía de Castro: a poeta, a novelista, a pensadora. Non se identifica con ningún tipo de santa, así é que este texto é na honra dunha autora, que abriu un camiño para que tantas outras, moito tempo despois, decidísemos non "cantar a rosas i frores".










Ningún comentario: