10 de outubro de 2017

CINERÁGORA CON NUMAX NA ESCOLA





Mañán mércores 11 de outubro, o alumnado de 4º  ESO e 1º BAC, que forma parte do Cineclub CINERÁGORA, acudirá á Sala NUMAX para ver o filme de animación PHANTOM BOY, dos directores Alain Gagnol e Jean-Loup Felicioli, que forma parte do programa NUMAX NA ESCOLA.
Temos moita ilusión nesta experiencia, que, continuaremos ao longo do curso, pois iremos dúas veces máis a NUMAX.


O noso CINERÁGORA está a ter unha grande acollida, pois xa contamos con case corenta rapazas e rapaces, que acoden cada quince días para ver un filme. Polo de agora vimos dous, "Branca de Neve e a lenda do cazador" e "Maléfica" e houbo un debate ben interesante.















A aceptación é tal que xa queren repetir  o luns da semana que vén. Que veremos??? Un episodio de BLACK MIRROR. Cal?

SORPRESA!

4 de outubro de 2017

Clubs de lectura ÁGORA

Este curso botamos andar con dous clubs de lectura no IES Macías o Namorado; un para o primeiro ciclo, coordinado por Anabel, e outro para 4º e 1º de Bach. da man de Lourdes.
As lecturas para o mes de outubro son:
Persépole de Marjane Satrapi e Rapazas de Agustín Fernández Paz.





O noso primeiro encontro será o martes 24 de outubro na Biblioteca.
Animádevos a participar! A nosa ágora está aberta para tod@s!!!

Novo curso, novo proxecto: ÁGORA

     

Comezamos curso che@s de proxectos e ilusións.

O novo equipo da biblioteca do IES Macías o Namorado xa leva máis dun mes preparando todo para un novo curso; o equipo cambia, pero as ilusións e as ganas seguen as mesmas. Agradecemos o traballo de Maruxa, Mar e Esperanza, e recollemos o seu legado, Anabel, Rosa e Lourdes; esperamos estar á altura.

As nosas cabezas bulen con ideas, proxectos, actividades, colaboracións..., desexamos poder ir pouco a pouco dándolle forma e implicando a toda a Comunidade educativa do noso centro.

Este ano xa temos en marcha dous clubs de lectura, un cineblub, CINERÁGORA, concertadas varias visitas de escritoras, roteiros literarios, saídas culturais..., e estamos abertas a todo o que vaia xurdindo.


Crearemos unha conta en twiter, para que as nosas actividades, que sempre foron numerosas e exitosas, teñan unha maior proxección e unha canle de comunicación nas redes.

Celebraremos eventos sociais e literarios en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística, cos distintos Departamentos didácticos e  co Concello de Padrón, mais, sobre todo, mercaremos libros e levaremos a cabo actividades dinamizadoras para introducir a tod@s no apaixoante mundo dos libros.

Contamos con vós!!!

Moitas grazas e felices lecturas!

24 de maio de 2017

Letras 2017. Celebrando a Casares



http://aprofa.gal/wp-content/uploads/2017/05/20170513-Infograf%C3%ADa-Carlos-Casares-biograf%C3%ADa-cor.png 
Para celebrar o Día das Letras Galegas 2017 a biblioteca levou a cabo unha lectura dramatizada do conto de Carlos Casares O Xogo da Guerra , incluído na súa obra Vento Ferido.

Na páxina da Fundación Carlos Casares atoparedes información sobre o autor a a súa obra.
Tamén podedes disfrutar aquí dos distintos materiais didácticos elaborados por centros de ensino de toda Galicia centrados na figura de Casares.



27 de abril de 2017

Día do Libro 2017


O premio Cervantes 2016 foi concedido ao escritor Eduardo Mendoza  por inaugurar en 1975 unha "nova etapa na narrativa española" devolvendo ao lector "o goce polo relato", segundo destacou o xurado. Foi ese ano cando Mendoza iniciou a súa carreira literaria con "La verdad sobre el caso Savolta", obra que cambiou o xeito de escribir e ler novela en España.
Desde entón  suma quince novelas, dous libros de relatos, dúas obras de teatro e catro ensaios. Entre as súas novelas, títulos como "Sin noticias de Gurb", "La ciudad de los prodigios" ou "El misterio de la cripta embrujada" non se poden perder.

O pasado 23 de Abril, Mendoza recolleu o premio que agradeceu cun discurso cheo de humor e referencias ao Quixote. Aquí  podes ver este emotivo momento.







20 de decembro de 2016

Mercado de Nadal


Como  xa ven sendo tradicional , a biblioteca organizou de novo este Nadal un mercadiño solidario de libros durante o mes de decembro que tivo unha gran afluencia . A comunidade educativa aportou libros para tódolos gustos, cos que agasallar nestas festas.




A recadación obtida foi destinada a CARITAS de Padrón.




12 de decembro de 2016

Saída ao cine


 O noso alumnado de 3º de ESO disfrutou dunha saída ao cine para ver a película de J.A. Bayona Un monstruo viene a verme, baseado no libro do mesmo título de Patrick Ness, autor tamén do guión da película. 
Os máis interesados tedes toda a información sobre o libro e  a película na páxina web do autor.





1 de decembro de 2016

VISITA DE LEDICIA COSTAS

O luns 28 de novembro tivemos o pracer de contar na nosa biblioteca coa visita de Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil coa súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta, da que veu falar co alumnado de 1º da ESO e do Club de Lectura de Primeiro Ciclo.


Con esta obra quixemos achegarnos ao mundo do Alén, dos non vivos, dos seres que nunca marchan no imaxinario colectivo dos galegos e galegas, que non os deixamos ir e queremos que formen parte das nosas vidas. Xusto no remate deste mes de Santos, despedimos o Samaín e as historias de medo da man destas personaxes que tanto nos fixeron disfrutar. 
Grazas, Ledicia pola túa visita, unha vez máis . A túa presenza foi un auténtico agasallo para todos nos.



I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Xa temos gañadora!!!



Despois de reunido o xurado do I CONCURSO DE TUITS contra a Violencia de Xénero, resultou gañadora do mesmo ALICIA REY VIGO, alumna de  4º de ESO...
 
Aquí o tendes:

 
 A intelixencia erradica, o maltrato arraiga. Se intelixente!

22 de novembro de 2016

TERRITORIO DAS ARTES: A Arte de Grecia e Roma


Dentro da campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017  Biblioteca Escolar ,  "Territorio das Artes", comezamos a aproximación á Historia das artes pola cultura grecolatina, a través dunha exposición realizada coa colaboración do alumnado de Cultura Clásica.
Todos os grupos da ESO pasaron a coñecer a exposición, nunha visita guiada a cargo dos seus compañeiros de Cultura Clásica




31 de outubro de 2016

I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Resultado de imagen de twitter

I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
IES Macías o Namorado

Con motivo do 25 de novembro, día Internacional contra a Violencia de Xénero, o IES Macías o Namorado convoca o I CONCURSO DE TUITS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2016. Buscamos mensaxes, lemas ou expresións de repulsa contra a violencia de xénero que se realicen a través da rede social twitter.

BASES DE PARTICIPACIÓN


1. Poderán participar no concurso todos os membros da comunidade educativa que o desexen. Cada participante poderá enviar un máximo de tres tuits.

2. Os tuits que participen no concurso deberán incluir o hastag #MaciasSenViolencia.

3. As persoas que presenten os seus tuits serán responsables da orixinalidade e a autoría dos mesmos.

4.   A DATA Límite de presentación de tuits será o 21 de novembro do 2016.

5.  Un xurado será o encargado de avaliar os tuits presentados. Procurarase que haxa unha presenza equilibrada de homes e mulleres no xurado.

6. Os criterios de avaliación serán :  contido e tratamento do tema (4 puntos), orixinalidade (3 puntos) e capacidade de impacto (3 puntos).

7. O agasallo consistirá nunha tarxeta por valor de 20 €  canxeable nos cines Cinesa.

8. A presentación de tuits ao presente concurso supón a aceptación plena das bases.

28 de outubro de 2016

COÑECE A TÚA BIBLIOTECA 2016


O pasado luns 24 de outubro celebrouse o Día Internacional da Biblioteca Escolar. 

En Galicia, a campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017 lembra que a Biblioteca Escolar é "territorio das Artes", un espazo no que aproximarse á produción artística do noso país e de todas as culturas, a través dos libros, dos vídeos, dos mil sitios aos que internet nos permite acceder... pero é tamén un espazo no que vivir a música, a pintura, as artes visuais (fotografía, cómic, cine), a escultura, a danza, o teatro e, moi especialmente, a literatura en todos os seus xéneros e temáticas; e vivir é experimentar e compartir, pero tamén expresarse e comunicar a través das distintas opcións artísticas.
 Como todos os anos o alumnado de 1º de ESO baixou a coñecer en detalle o funcionamento da súa biblioteca mediante un xogo de busca ao que chamamos"Coñece a túa biblioteca", que realizaron con entusiasmo.Noraboa e grazas a tod@s!!






22 de setembro de 2016

Comezamos un novo curso


Benvidos e benvidas ao curso 2016-2017. A biblioteca continúa  a súa andaina con novos proxectos  e co desexo de que o voso achegamento a este blog sexa unha experiencia gratificante e enriquecedora.

Continuaremos co club de lectura "Liñas de fuga" destinado ao alumnado de 1º e 2º da ESO e ao de 3º e 4º. Como o ano anterior, dividiremos o club en dúas liñas. A primeira terá como coordinadora a Esperanza Váquez e a segunda a Maruxa Guitián.

Para darvos a benvida aquí vos deixamos esta canción de Bob Dylan, flamante e sorprendente gañador do premio Nobel de Literatura.



28 de abril de 2016

TRASTORNOS ALIMENTARIOS NA ADOLESCENCIA

Cada ano, milleiros de adolescentes padecen trastornos alimentarios ou problemas relacionados co seu peso, a súa alimentación  ou a visión da súa imaxe corporal. Non se trata exactamemente de facer dieta para perder peso ou  facer exercicio diariamente para levar unha vida sa. Son comportamentos alimentarios extremos, que quixemos visibilizar cunha exposición sobre anorexia, bulimia e obesidade.

TRASTORNOS ALIMENTARIOS NA ADOLESCENCIA on PhotoPeach

26 de abril de 2016

CERVANTES. 400 anos


Neste 2016 no que celebramos o 400 aniversario da morte de Cervantes, Don Quixote e Sancho irromperon pola porta grande da biblioteca do Macías.

Disfrutamos das mellores ilustracións sobre pasaxes inesquencibles dos nosos aventureiros.

Cervantes. 400 anos. on PhotoPeach

14 de marzo de 2016

CELEBRAMOS O DIA DA MULLER



Un ano máis a biblioteca sumouse as actividades organizadas polo centro para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. 
Instalamos unha selección de libros e películas relacionadas con este tema e unha exposición de título 10 datos sobre unha explotación, sobre a discriminación laboral e salarial que continúan a sufrir as mulleres no noso país a día de hoxe.








4 de marzo de 2016


 24  DE FEBREIRO: ROSALÍA SEMPRE

Como se vén facendo nos últimos anos, celebramos o nacemento da nosa poeta e rendémoslle unha merecida homenaxe.

No Macías, como nos podía ser doutra maneira, lembramos a súa figura cun recital poético e unha charla que deu o noso querido profe Manolo Baleirón. Como sabedes, Baleirón ten publicado un interesantísimo libro sobre Rosalía Sen agardar a Ulises.

Cada ano van a máis as iniciativas e homenaxes a esta  escritora universal que sitúa a Galicia no mapa como país e que abre a alma dos galegos e galegas provocando un sentimento identitario de tal magnitude que non hai ninguén que non se teña emocionado coa lectura da súa obra

As redes, que botan fume,  a poesía, as cancións ......todo se une para celebrar este día que agardamos sexa, como propón a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o noso día do libro.

Hai tantas cousas feitas sobre Rosalía que algunhas chegan a sorprendernos, como este poema de Cantares escrito en Pictogramas e cantado por Amancio Prada




























E, por último, aqui vos deixamos os maravillosos traballos que o Equipo de Normalización Lingüística do centro elaborou co alumnado de segundo da ESO:
Rosalía, sempre on PhotoPeach  Rosalía, sempre on PhotoPeach

1 de febreiro de 2016

DÍA DA PAZ: refuxiados, palabra do ano

Este ano desde a biblioteca quixemos poñer no punto de mira a problemática dos refuxiados. Moitas son as imaxes que entran nas nosas casas todos os días a través dos medios. Imaxes durísimas de nenos e nenas famentos e aterecidos de frío co medo nos seus ollos. Familias destrozadas e desamparadas ás portas dunha Europa que fai ouvidos xordos ás chamadas de auxilios de seres humanos coma nós que loitan por sobreviviren. A falta de solidariedade e a dureza dos que nos gobernan manifestan unha vez máis a crueldade con que desde a "civilización" se ningunean estas traxedias.

DIA DA PAZ 2016 on PhotoPeach 

 Con este poema de Eduardo Galeano chamamos á reflexión dos nosos lectores e lectoras.


Los Nadies

Sueñan las pulgas con comprarse un perro
y sueñan los nadies con salir de pobres,
que algún mágico día
llueva de pronto la buena suerte,
que llueva a cántaros la buena suerte;
pero la buena suerte no llueve ayer, ni hoy,
ni mañana, ni nunca,
ni en lloviznita cae del cielo la buena suerte,
por mucho que los nadies la llamen
y aunque les pique la mano izquierda,
o se levanten con el pie derecho,
o empiecen el año cambiando de escoba.

Los nadies: los hijos de nadie,
los dueños de nada.
Los nadies: los ningunos, los ninguneados,
corriendo la liebre, muriendo la vida, jodidos,
rejodidos:

Que no son, aunque sean.
Que no hablan idiomas, sino dialectos.
Que no profesan religiones,
sino supersticiones.
Que no hacen arte, sino artesanía.
Que no practican cultura, sino folklore.
Que no son seres humanos,
sino recursos humanos.
Que no tienen cara, sino brazos.
Que no tienen nombre, sino número.
Que no figuran en la historia universal,
sino en la crónica roja de la prensa local.
Los nadies,
que cuestan menos
que la bala que los mata.


The Nobodies

Fleas dream of buying a dog
and the nobodies dream of getting out from under their poverty,
that some magic day
suddenly good fortune will rain upon them
that it will downpour bucket-fulls of good luck.
But good luck doesn’t rain today
or tomorrow or ever,
not even a little drizzle falls from the sky.
No matter how much the nobodies cry for it
and even when their left hand itches
or they get up on the right foot,
or when they start the year getting a new broom.

The nobodies: the sons of no one,
the owners of nothing.
The nobodies:  treated as no one,
running after the carrot, dying their lives, fucked,
double-fucked.

Who are not, even when they are.
Who don’t speak languages, but rather dialects.
Who don’t follow religions,
but rather superstitions.
Who don’t do art, but rather crafts.
Who don’t practice culture, but rather folklore.
Who are not human,
but rather human resources.
Who have no face but have arms,
who have no name, but rather a number.
Who don’t appear in the  universal history books,
but rather in the police pages of the local press.
The nobodies,
the ones who are worth less
than the bullet that kills them.
                                                EDUARDO GALEANO

18 de decembro de 2015

HISTORIA DO MEU CORPO EN LABARADAS

Hoxe mércores, 16 de decembro a nosa biblioteca acolle entusiasmada a presentación do novo libro da nosa compañeira Rosa Enríquez, Historia do meu corpo en labaradas.

O libro fala do coñecemento e o recoñecemento da nosa corporeidade, de como o corpo que somos vese sometido a xuizo,  non só alleo senón tamén propio. Hay  neste libro, ademáis,  outro corpo que se declara en labaradas porque pretende explorar máis aló de si mesmo.

É, coma sempre,  un pracer escoitar falar a Rosa e disfrutar coa lectura da súa poesía.




Aquí podedes ler un fermoso artigo publicado por Teresa Moure en praza.gal sobre a obra de Rosa.

16 de decembro de 2015

MERCADIÑO SOLIDARIO DE NADAL


Como en anos anteriores, a biblioteca organiza de novo este Nadal un mercadiño solidario de libros, que se está a celebrar na entrada do centro desde o día 1 de decembro. A recadación obtida será destinada aos bancos de alimentos da comarca do Sar.

No mercadiño podedes atopar libros e libros para tódolos gustos
Achégate a visitarnos, poderás atopar libros e libros para tódolos gustos. Que mellor agasallo para este Nadal!!

BO NADAL A TODOS E TODAS!!




11 de decembro de 2015

A NOSA HOMENAXE A NEIRA VILAS

 Acto de homenaxe a Neira Vilas celebrado no noso centro o 2 de decembro de 2015

A NOSA HOMENAXE A NEIRA VILAS on PhotoPeach

1 de decembro de 2015

Homenaxeamos a Neira Vilas

O pasado venres recibimos a triste nova do pasamento de Neira Vilas. Con el foronsenos o Balbino, as historias da emigración, un pasado que se nos presenta cheo de autenticidade e sobre todo, fóisenos un home cheo de humanidade que nunca quixo deixar de falar á xuventude na nosa lingua.

Moito se ten escrito estes días sobre a súa figura. Nós seleccionamos este artigo de Montse Dopico que cremos será do voso interese para que vos adentredes na súa vida e na súa obra.

Este mércores 2 de decembro o noso centro homenaxeará a Neira Vilas nun acto no que se lerán poemas e textos que lembren a este importante humanista. Representantes de toda a comunidade educativa participarán neste evento do que daremos contas na vindeira entrada.

10 de novembro de 2015

DIA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA ESCOLAR 2015

O pasado luns 26 de outubro celebrouse o Día Internacional da Biblioteca Escolar. 

Como todos os anos o alumnado de 1º de ESO e 1º de Ciclos medios, novos no noso centro, baixou a coñecer en detalle o funcionamento da súa biblioteca mediante un xogo de busca ao que chamamos"Coñece a túa biblioteca", que realizaron con entusiasmo.
Noraboa e grazas a tod@s!!

2 de outubro de 2015

BENVID@S AO NOVO CURSO. EXPLORANDO DESDE A BIBLOTECA

Comezamos un novo curso e a biblioteca do instituto continúa a súa andaina.. Benvid@s!!!
Neste curso 2015/16 as bibliotecas escolares de Galicia convírtense en bases de exploración!!
A biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios.
O lema escollido para este curso ,"Biblioteca escolar, base de exploracións", chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. 
A nosa biblioteca  está a dar vida ao lema organizando unha exposición," Viaxa a través da nosa biblioteca",  que convida a explorar o mundo. Pasade, pois, e explorade...

 

6 de maio de 2015

MERCADIÑO SOLIDARIO DE LIBROS


De novo este ano, a biblioteca organizou unha serie de actividades enmarcadas no Mes do Libro e as Letras. Dentro de estas actividades está o Mercadiño Solidario de Libros que tedes instalado na entrada do centro, co material aportado por todos nos. Animámosvos a achegarvos  ata el nos recreos e contribuir á recadación de fondos.




29 de abril de 2015

CENTENARIO DA PUBLICACIÓN DE A METAMORFOSE de KAFKA


A novela A Metamorfose, do escritor de orixe xudea Franz Kafka (Praga, República Checa 1883 - Austria 1924), considerada unha das obras máis influíntes do autor, cumpre un século. Kafka redactou o libro en apenas 20 días, entre el 17 de noviembre y el 7 de diciembre de 1912.
A novela, dotada de rasgos fantásticos e surrealistas, narra a historia dun home, Gregorio Samsa, cheo de soños e ilusións, obrigado a traballar de comerciante nunha empresa para manter aos seus pais e a súa irmá. Sempre pensando nun  futuro máis esperanzador, Gregorio esperta unha mañán convertido  nun insecto.
 

Franz Kafka titulou a súa narración Die Verwandlung, cuxa tradución literal é A transformación. Era un tipo extremadamente meticuloso, obsesivo mesmo, coa utilización das palabras, interesáballe a súa precisión e que dixesen exactamente o que din. Así que non utilizou o termo Metamorphose, que tamén existe en alemán e que acouta o significado máis xeral de "transformación" ao referilo especificamente ao cambio que se produce cando os seres humanos se converten en animais, plantas, mananciais, etcétera.
"Eu traducín o libro de contos cuxo primeiro título é A transformación, e nunca souben por que a todos lles deu por poñerlle A metamorfose", explicou Jorge Luis Borges nunha entrevista publicada no PAÍS o 3 de xullo de 1983. "É un disparate. Eu non sei a quen se lle ocorreu traducir así esa palabra do máis sinxelo alemán. Cando traballei coa obra, o editor insistiu en deixala así porque xa se fixera famosa e se lle vinculaba a Kafka".
No terceiro volume das obras completas de Kafka que publicou Galaxia Gutenberg, explícase nas notas que o título procede seguramente dunha precoz tradución (anónima) que se fixo da narración en 1925 en Revista de Occidente. Foi aí onde se titulou A metamorfose. 


Dende a biblioteca animámosvos á lectura desta apaixoante novela e a visitar a exposición que temos  instalada sobre A Metamorfose e Fanz Kafka.




 

23 de abril de 2015

Día do Libro 2015

Como cada ano, a biblioteca levou os libros e a lectura a todos os espazos do centro para celebrar o Día do Libro.
O alumnado do centro colaborou na elaboración de cartaces para animar á lectura, que foron colocados na entrada do noso centro nunha orixinal exposición de libros centrada este ano no Quixote e os libros de cabalerías.

 DIA DO LIBRO 2015 on PhotoPeach

22 de abril de 2015

VISITA DE PEDRO FEIJOO

O pasado xoves 15 de abril, como anticipo á celebración do Día do Llibro, recibimos na nosa biblioteca a visita de Pedro Feijoo, que presentou ao alumnado de 1º de Bacharelato e do Club de Lectura de Segundo Ciclo a súa novela A memoria da choiva. Escollemos esta obra pola súa trama trepidante de novela negra coa poesía de Rosalía  e a síua fundación , en Padrón,  como pano de fondo. A idea pareceunos xenial e a lectura da obra resultoulles apaixoante.
Nas  páxinas da súa novela atopamos, ademáis, un retrato ben irónico da cultura literaria galega e das súas institucións.

A conversación con Pedro foi un auténtico agasallo para todos nos. Pedro destripou as entrañas da súa obra e do seu proceso de escritura e respondeu a todas as cuestións relacionadas coa mesma durante case dúas horas, que quedáronse curtas.



VISITA DE PEDRO FEIJOO on PhotoPeach

16 de marzo de 2015

Paula Antía Rey gaña o MINERVA 2015

     O pasado xoves día 12 de marzo, reuniuse o xurado encargado de fallar os Premios Literarios Minerva na súa XLIII edición, presidido por D. Manuel Quintáns Suárez e D.Luís Alonso Girgado nas modalidades de narración e poesía respectivamente.


    Entre un total de 167 traballos presentados, 122 na modalidade de narración e 45 na de poesía, resultaron finalistas 34 narracións e 21 triloxías poéticas. Deste conxunto de obras, o xurado acordou outorgar o Primeiro Premio na modalidade de poesía a Paula Antía Rey Baliña, alumna de Segundo de Bacharelato no noso centro.  Un ano máis recibimos con entusiasmo esta extraordinaria noticia, despois do segundo premio acadado por Paula na convocatoria do pasado ano.
Parabéns, Paula!
 Aquí podedes volver a ler a entrevista que os compañeiros e compañeiras de Paula no Club de Lectura lle fixeron con motivo dos distintos premios que recibiu o pasado curso.

9 de marzo de 2015

8 de marzo. DÍA DA MULLER TRABALLADORA.

O 8 DE MARZO celébrase o día da muller traballadora. Este día foi instaurado en 1917 por Nacións Unidas e según a versión máis extendida, conmemora os sucesos ocurridos en 1908 en Nova Iork, cando un grupo de costureiras industriais se declararon en folga para protestar polas súas condicións laborais pedindo aumento dos salarios e a reducción da xornada laboral. Durante esta folga 129 mulleres morreron queimadas nun incendio na fábrica Cotton Textile Factory, provocado polos donos da fábrica.


Hoxe en día, o 8 de marzo convertiuse nun día de reivindicación por unha igualdade real entre homes e mulleres nos ámbitos laboral, social e político.

Para conmemorar o 8 de marzo, a biblioteca instalou unha exposición na entrada do centro que incluía unha selección de libros e audiovisuais sobre mulleres, prestando especial atención as mulleres matemáticas, dada a temática deste curso nas bibliotecas escolares. Ademáis expuxemos un gran número de biografías de MULLERES QUE FIXERON (E SEGUEN A FACER) HISTORIA, e a presentación 8 de marzo. Un día especial, que recolle a historia deste día e da loita feminista e sufraxista.

O alumnado participou no concurso "ELAS", buscando información na biblioteca e na exposición que lle permitise relacionar biografías de mulleres co seu nome.

  8 de marzo. DÍA DA MULLER TRABALLADORA. on PhotoPeach

18 de febreiro de 2015

FELIZ DÍA DO AMOR


Chega febreiro e volve San Valentín. Como cada ano, aproveitando o fermoso nome do noso centro, adicamos este mes ao amor.
Temos unha exposición de literatura e cine na entrada do centro, xunto cun buzón donde podedes depositar as vosas cartas de amor. As mellores cartas serán agasalladas con amorosos premios.

Mes do AMOR 2015 on PhotoPeach

12 de febreiro de 2015

DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA.



Có gallo da celebración do día Internacional da Paz e a Non Violencia, o 30 de xaneiro, a biblioteca organizou unha serie de actos conmemorativos ao longo de varios días.
Instalamos unha ampla exposición na entrada do centro cun Decálogo para medrar na Paz, unha mostra dos distintos lugares do mundo donde existen conflictos armados, unha selección de lecturas e audiovisuais sobre o tema da Paz e unha aproximación aos galardoados co Premio Nobel da Paz, todo elo xunto a distintos lemas de paz elaborados polo alumnado do centro.

Tamén asistimos ao acto público celebrado na Casa de Rosalía en Padrón, organizado polo Seminario Galego de Educación para a Paz para escolares da nosa bisbarra

Por último, organizamos unha charla sobre a paz na convivencia diaria para todo o alumnado de ESO, a cargo de Manuel Dios, coordinador do Seminario Galego de Educación para a Paz.

Aquí queda a información gráfica das nosas actividades


 
DIA DA PAZ 2015 on PhotoPeach

17 de decembro de 2014

BO NADAL!!!



Remata o primeiro trimestre e chegan as desexadas vacacións. Desde a biblioteca desexámosvos a todos unhas BOAS FESTAS e convidámosvos a visitar a nosa exposición sobre literatura de Nadal.




11 de decembro de 2014

PREMIOS DO CONCURSO DE RELATOS Contos do Samaín



Rematado o prazo de presentación de orixinais ao concurso Contos de Samaín, o xurado decidíu otorgar o premio do mesmo ao alumno de 4º de ESO Julián Ares Costa pola sús obra Antón.

PARABÉNS!!!

3 de decembro de 2014

NOVEMBRO, MES DO TERROR



O mes de novembro adicámolo, coma outros anos, ao Samaín e a literatura de terror. 
A biblioteca volveuse terrorífica por uns días e os nosos libros e películas de terror foron protagonistas.
Lembrámosvos que durante todo o mes está aberto o prazo para participar no noso Concurso de relatos Contos do Samaín.

SAMAIN 2014 on PhotoPeach

29 de outubro de 2014

DIA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA ESCOLAR


O Luns 27 de outubro celebrouse o Día Internacional da Biblioteca Escolar. 

Como todos os anos o alumnado de 1º de ESO baixou a coñecer en detalle o funcionamento da súa biblioteca mediante un xogo de busca ao que chamamos"Coñece a túa biblioteca", que realizaron con entusiasmo.
Noraboa e grazas a tod@s!!












15 de outubro de 2014

PREMIOS NOBEL DA PAZ 2014

A paquistaní Malala Yousafzai, a moza á que os talibáns dispararon na cabeza en 2012 por defender o dereito á escolarización das mulleres e nenas do seu país, e o activista indio Kailash Satyarthi foron galardoados o pasado 10 de outubro co Premio Nobel da Paz 2014. O comité que concede ditos premios destacou o esforzo de ambos galardoados "pola educación e en contra do extremismo"
Malala, de 17 anos, convírtese así na galardoada con menos idade da historia dos premios.

Na biblioteca tratamos a figura de Malala nunha ocasión anterior, con motivo da aparición do seu libro, e quixemos visibilizalo de novo neste momento.